Viveiro, 11 de xullo de 2022. O Concello de Viveiro realiza un balance moi positivo do XIII Mercado Renacentista, que se celebrou na localidade dende o pasado xoves e rematou onte, domingo 10 de xullo. A cita recuperouse tras dous anos de parón provocados pola pandemia, pero cunha ampla participación tanto por parte da cidadanía viveirense como dos visitantes nos catro días de celebración.
“O Mercado Renacentista supón, tras o Resurrection Fest, un importante impulso para a economía de Viveiro, Esta 13ª edición mostra de novo unha cita consolidada, como un referente de ocio e turismo”, recalca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Esta 13ª edición do mercado contou cun amplo programa de actividades e espectáculos con opcións para distintas idades, alén dos tradicionais postos do mercado. A cita estivo marcada polo desembarco de Carlos V, celebrado o pasado venres, e que supón un dos puntos diferenciadores desta festa de recreación histórica.
Dende o Concello de Viveiro agradécese a participación de todas as persoas que se achegaron á celebración, na súa maioría con traxes de época. Tamén traslada o seu agradecemento a todas as persoas e entidades involucradas na organización desta cita, cuxo esforzo permitiu un exitoso XIII Mercado Renancentista.