Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro acolle a exposición de Cegasal para visibilizar o traballo que realizan persoas con discapacidade

Viveiro, 20 de xullo de 2022. A sala multiusos do Concello de Viveiro acolle desde hoxe a exposición fotográfica ‘Cegasal, una asociación de persoas para as persoas’ sobre emprego e discapacidade, con imaxes do coruñés Diego Silva.

A inauguración contou esta mañá coa participación da alcaldesa, María Loureiro; o deputado da área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García Pernas, e o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire.

Nas súas intervencións, os tres coincidiron na importancia de visibilizar e poñer en valor o traballo das persoas con discapacidade e consideraron que a exposición fotográfica é unha forma excelente de dar a coñecer esta realidade a toda a sociedade.

“É unha tarefa do conxunto da sociedade promover esta cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”, afirmou María Loureiro.

“Por suposto, aquí as administracións públicas temos moito que dicir tamén. No Concello de Viveiro decidimos poñer en marcha ‘Viveiro Inclúe’, un proxecto para converter o noso municipio nun lugar más accesible para as persoas con diversidade funcional ou algún tipo de discapacidade”, lembrou.

“A inclusión é unha das nosas prioridades de goberno, por iso continuaremos traballando a través de ‘Viveiro Inclúe’ para concienciar á sociedade e transformar Viveiro nun municipio de referencia na inclusión de persoas con diversidade funcional, e por iso tamén son tan importantes exposicións como a que hoxe inauguramos”, rematou a alcaldesa.

Exit mobile version