As monitorias da aula Gaia realizarán un seguimento para garantir o bo uso dos composteiros
Foron entregados onte no Concello tras unha charla impartida por persoal técnico de Sogama na que as 25 persoas adxudicatarias dos composteiros, entre as cales hai persoas que están a traballar nos seus hortos urbanos, recibiron a formación necesaria para poder poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost. Ademais, tamén se lles entregaron manuais didácticos nos que se detalla a operativa a seguir, dando resposta ás dúbidas máis frecuentes.
A Delegación de Medio Ambiente segue a apostar así por iniciativas que conciencien de xeito individual unha problemática que existe a nivel global, explicando neste caso os pormenores da compostaxe doméstica, onde situar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros como a temperatura e a humidade ou como levar a cabo tarefas de supervisión e control.
Ademais, o Concello de Burela a través da Aula Gaia será o responsable de facer o seguimento desta campaña para avaliar a súa acollida e a resposta das persoas que participan no programa de compostaxe doméstica, de xeito que farán visitas para comprobar o compromiso dos adxudicatarios realizándolles un cuestionario e fotografías que reflictan o estado dos materiais entregados.