O goberno local dá continuidade ao compromiso de impulsar esta marca de calidade e dos produtos acollidos a ela, co fin de que o seu desenvolvemento supoña tamén a incorporación de persoas ao sector primario
Mondoñedo, 20 de xullo de 2022. O Concello avanza no apoio e posicionamento da marca Horta de Mondoñedo, entregando aos produtores asociados bolsas promocionais para que estes as poidan repartir aos clientes e seren así “axentes difusores” deste distintivo, tal e como indican dende o goberno local.
Esta iniciativa dá, por tanto, continuidade ao compromiso asumido polos dirixentes municipais de impulsar esta marca de calidade e dos produtos acollidos a ela, de tal xeito que o seu desenvolvemento contribúa á consolidación de emprego vencellado ao sector primario.
O proxecto Horta de Mondoñedo comezou en 2018, coa presentación na consellería do Medio Rural do texto para regular o seu uso, sendo informado favorablemente en febreiro dese mesmo ano. Este traballo tivo continuidade no tempo con distintas actuacións como a posta no mercado dun produto que conserva o valor engadido do tomate que se cultiva nesta zona, e que permite que se deguste fóra de tempada. Incluíu, ademais, a creación da asociación de produtores de conservas de hortalizas de Mondoñedo ou o impulso da Faba Verdina.
“Agora damos un paso máis porque apostar pola nosa horta é apostar pola importante calidade no noso produto”, destacan. E é que a posta en marcha deste proxecto permitiu que se incorporase persoas a este sector que, xunto co turismo, “está chamado a ser un dos revulsivos dun municipio con tanta historia como futuro”, afirman dende a entidade local.
“Estes produtores apostan pola diversificación para dar maior valor aos seus produtos de calidade, e dende o Concello seguimos apoiándoos. O mercado é cada vez máis esixente pero en Mondoñedo estamos á altura”, conclúen.