Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG só votará a favor da Ordenanza das praias se inclúe Seriamar e Arnela como praias compartidas con mascotas

Viveiro, 28 de xullo, 2022. A concelleira do BNG, Miriam Bermúdez, informa de que despois da moción presentada polo BNG fai un ano e as numerosas insistencias, por fin está elaborada a “Ordenanza de uso e aproveitamentos das praias de Viveiro”, presentada pola alcaldía de Viveiro en medio do verán, e polo tanto chegando xa tarde para a súa aplicación neste 2022. O BNG de Viveiro fai constar as seguintes consideracións a esta ordenanza:

En primeiro lugar, sorprende que non apareza a “Praia de Arnela” nesta Ordenanza das Praias de Viveiro, quedando desaparecida ou fóra de uso e desfrute da veciñanza, polo que solicitamos a presenza desta praia no listado.

Segundo, propoñemos no Punto 2 do Artigo 19 modificar as datas de aplicación, orixinalmente con prazos do 1 de xuño ao 30 de setembro, para que esta medida se aplique desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. Tamén vemos necesario incluír neste apartado a excepcionalidade na prohición de animais de compañia nas praias de uso compartido, quedando o texto da seguinte maneira:

Está prohibido o acceso á praia de cans ou calquera animal de compañía dende o 15 de xuño ao 15 de setembro, de 09:00 a 21:00 horas, agás nas praias autorizadas para uso compartico de persoas con mascotas.

Por último e neste mesmo artigo, consideramos imprescindible incluír un Punto que diga o seguinte:

Establécense como praias de uso compartido, persoas e mascotas, as praias de Seiramar e Arnela.

Míriam Bermúdez afirma que “este punto é requisito indispensable para que o BNG vote a favor desta Ordenanza. Por un lado, en cumplimento coa moción do BNG aprobada en pleno sobre habilitar lugares para cans en praias e zonas verdes de Viveiro. E por outro lado, atendendo á demanda histórica da veciñanza de Viveiro, con innumerables solicitudes presentadas ao Concello de Viveiro, así como tamén, as exitosas recollidas de sinaturas que se realizaron e foron estregadas á alcaldesa, María Loureiro, tendo polo tanto constancia desta demanda e que lle foi recordada en numerosas ocasións.

Exit mobile version