Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG escoita as inquietudes do colectivo de pescadores deportivos de Burela

Os nacionalistas reuníronse cunha representación deste colectivo

Burela, 31 de xullo, 2022. En pasadas datas tivo lugar unha xuntanza do grupo municipal do BNG de Burela con representantes da asociación de pesca deportiva de Burela, no que puideron escoitar as súas demandas e inquietudes. Segundo o voceiro do BNG, Mario Pillado “afrontamos a reunión co ánimo de escoitar e coñecer o colectivo, que nos trasladou as súas inquedanzas e preocupacións, que se centran no pouco espazo do que dispoñen nas instalacións portuarias, que lles foi reducido recentemente”.

Continuou Pillado dicindo que “tamén nos comunicaron que o feito de que lles fose prohibido o paso á zona comercial dun día para outro lonxe de dotar de mais seguridade a súa actividade ten mais ben o efecto contrario”.

Para o nacionalista Mario Pillado “pedíronnos o noso apoio e vano ter, as súas demandas son razoables, fixéronnos chegar que teñen claro que a actividade comercial debe primar no porto pero que poden cohabitar sen problemas como ata o de agora”.

O Concello e Portos de Galicia teñen a obriga de entenderse para dar solucións

O voceiro nacionalista quixo incidir en que “tanto Portos de Galicia coma o Concello de Burela deben aparcar as disputas e poñerse dacordo para chegar a unha solución nesta problemática. Para nós teñen esa obriga, tendo moi claro que as competencias no porto son da institución autonómica”.

Rematou Pillado engadindo que “non se nos pode esquecer nunca ós representantes e cargos públicos que estamos en primeiro lugar para servir á veciñanza, que é a que nos ten que evaluar na nosa xusta medida nas eleccións. E semella que neste verán xa hai quen pensa mais neste último momento que no noso principal cometido que é o servizo público”

Exit mobile version