Dúas facultativas fanse cargo da atención de toda a poboación estable e estacional
Hai poucos anos Cervo contaba con catro prazas de persoal facultativo (unha en Cervo e tres en San Cibrao). Tras a xubilación de dous destes profesionais, o primeiro hai anos e o segundo este mesmo ano, o resultado é a situación que temos agora: unha doutora en San Cibrao e outra que reparte os días de consulta entre Cervo e San Cibrao.
As carencias de substitucións para ausencias laborais como vacacións, días de asuntos propios, permisos ou baixas por enfermidade xa eran algo habitual e agora agudizase ata o punto de deixar en precario a atención que poden dar estas profesionais a toda a poboación do Concello e que se ve agravada en época estival polo incremento de poboación no Concello. A carga de traballo e presión á que se ve sometido o persoal é brutal, poñendo en risco a súa propia saúde e diminuíndo inevitablemente os tempos de atención e consecuentemente a calidade da atención prestada. Só o esforzo e entrega do persoal, xunto coa súa profesionalidade, palían unha situación que é insostible no tempo e que deriva das nefastas políticas do Partido Popular en materia sanitaria, con recortes económicos e precarización nas contratacións, todo perfectamente deseñado e planificado para desprestixiar e rematar coa sanidade pública e para maior gloria da sanidade privada.
O Alcalde do PP Alfonso Villares, como sempre, ausente
A actitude do alcalde do PP Alfonso Villares neste asunto é, como de costume, de total servilismo ao seu partido sendo cómplice, por activa e por pasiva, das súas políticas nesta materia e renunciando sistematicamente á defensa dos intereses da veciñanza.
Desde o BNG de Cervo exiximos que se solucione esta situación, e facemos un chamamento á veciñanza para que reclame e se mobilice, para evitar que o desta redución se converta en definitiva, para o que animamos a acudir o martes dia 12 ao centro de saúde de Cervo onde a Plataforma Sanitaria da Mariña ten previsto poñer a Mesa de axuda de reclamacións entre as 11 e as 13 horas.