Os nacionalistas esixen que rectifiquen a falsidade de que existiron denuncias xudiciais do BNG
O triste, afirman desde o BNG, é que “sexa esta persoas quen continúe marcando a liña política dos que quedan no grupo popular (tres persoas que asistiron ao último pleno) facendo que a súa política estea inzada de rancor e mentiras.”
“Toda a veciñanza está esperando que fagan algunha proposta para algo, mesmo as que anuncian e caen en saco roto, porque demostran unha vez máis a súa incapacidade e a súa falta de interese polo ben público; como xa fixeron cando gobernaron”.
Os nacionalistas lémbranlle ao PP que as denuncias falsas deben ser así denominadas por un xulgado. E lémbranlle tamén que nunca existiron denuncias xudiciais do BNG, porén, quen si que acusou ao antigo goberno foi a Fiscalía, en base a cuxas acusacións se desenvolveron os procedementos xudiciais.
“Están tan afeitos a mentir e que lles sirva para quedar contentos, que ata falan de denuncias da actual alcaldesa e dos concelleiros, cando nin unha nin tres cuartos dos outros formaban parte da corporación municipal naquel momento non que se abriron dilixencias, insistimos, con acusacións da Fiscalía.”
Advírtenlles, neste sentido, que analizarán as consecuencias que poidan derivarse destas mentiras, que rozan a calumnia e a difamación, a sabendas de que non son certas. Por iso, esixen que rectifiquen o comunicado aclarando se identifican a Fiscalía co BNG.
Boicotear ao goberno, único obxectivo do PP
O rancor é o único que move actualmente a quen fai este tipo de declaracións e a quen ten actitudes tan pouco racionais como negarse a aceptar un pago a prazos; xa que o único que pretenden é anular a capacidade dun goberno que xa superou situacións dramáticas a nivel orzamentario froito do seu saqueo.
Seguen sendo igual de danosos para o interese xeral na oposición ca o foron no goberno, onde a veciñanza xa os colocou no seu sitio, camiño da irrelevancia; como demostra que nin sequera asistan ao pleno sistematicamente a totalidade dos concelleiros e concelleiras.
O BNG lamenta que “as aportacións do PP á vida municipal de Barreiros sexan estas e sigan estando dirixidas por quen xa demostrou o seu nulo interese polo concello, deixando mesmo aos seus compañeiros vendidos e fuxindo para seguir atendendo aos seus negocios”.