O deputado da frente nacionalista considera probado que o BNG é a única forza política que “sempre pon por diante os intereses das galegas e galegos” e apunta a necesidade de ensanchar o proxecto e ter “un BNG máis forte”
O vindeiro 25 de xullo, luns, en Santiago de Compostela decorrerá unha manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego para celebrar o Día da Patria Galega. Unha data especial para as e os nacionalistas, e para o conxunto da cidadanía galega, por ser a data que as Irmandades da Fala escolleron para celebrar o feito de que a Galiza é unha nación: cunha lingua e cunha cultura propias.
Mais, a organización nacionalista entende que, ademais de ser un día de festexo tamén é un día de reivindicación. “Defendemos unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e libre. Sobre todo a día de hoxe, neste contexto de crise social e económica precisamos avanzar para unha nova Galiza e gañarmos o futuro” destaca o deputado do BNG durante o acto. Rego chamou a confiar nas propias capacidades que ten o País e a aspirar a un maior autogoberno, con capacidade para defender os intereses da Galiza e mellorar a vida dos galegos e galegas.
“Mentres os galegos e galegas sigan sumidos baixo as leis aprobadas a 600 quilómetros, desde Madrid, ou a 1.800, desde Bruxelas non poderán desenvolver as súas capacidades e avanzar. No BNG defendemos a necesidade de superar o marco autonómico e camiñar cara un novo marco xurídico político que recoñeza á Galiza como o que é, como unha nación” reivindica Rego. Unha nación, continúa o deputado nacionalista, que blinde a súa capacidade de decidir sobre o seu futuro e que supoña poder adoptar decisións en ámbitos que son fundamentais para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas.
Na actual crise de prezos, o deputado sinala o papel fundamental que ten a regulación do sistema eléctrico que, para alén de estar pensada para maior beneficio dunhas poucas empresas, é unha competencia exclusiva do Goberno do Estado mentres que a Galiza é una verdadeira potencia en xeración de enerxía eléctrica mais non se beneficia desa capacidade. “Non abonda coas medidas que anunciou o Goberno de Sánchez a semana pasada, pois aínda que van na boa dirección, son necesarias reformas estruturais, modificar o sistema desde a base e compensar a Galiza como produtora excedentaria aplicando a Tarifa Eléctrica Galega” reivindica.
“Se tivésemos un goberno con capacidade para lexislar, regular e por a traballar eses recursos para o desenvolvemento social e económico da Galiza” destaca Rego, “poderíamos pór en marcha un sistema produtivo que xerase novas actividades e postos de traballo no noso País e que fose capaz de mellorar os salarios e, en definitiva, o benestar de todos os galegos e galegas.
Ante isto, Rego considera probado que o BNG é a “única forza política que, de forma permanente, antepón os intereses dos galegos e galegas diante de calquera outra cousa. É a única formación que vai á raíz dos problemas e que aporta solucións para os mesmos, e tamén porque é a única organización que sinala a necesidade de incrementar a capacidade de decisión dos propios intereses”. Por este motivo, o deputado da frente nacionalista entende que é preciso “un BNG máis forte” con capacidade e peso para defender os intereses da Galiza.