Os responsables municipais sinalan que a intención é que a exposición chegue a ter carácter permanente e se converta nun espazo para o recordo
Mondoñedo, a 25 de xullo de 2022. Mondoñedo e Fuxan os Ventos están indisolubelmente unidos, porque este grupo musical arrancou hai 50 anos a súa intensa traxectoria na vella cidade episcopal. Mondoñedo prepara agora unha exposición sobre Fuxan os Ventos, coa aportación do material cedido por Valín Libros. Será unha forma de celebrar nas próximas festas patronais os 50 anos transcorridos desde o inicial participación de Fuxan os Ventos nas San Lucas de Mondoñedo de 1972. A recompilación de material é unha maneira de render homenaxe a unha formación que contribuíu coa súa música a situar a Mondoñedo no centro de Galicia. A intención do Concello é que a exposición chegue a ter carácter permanente e se converta nun espazo para o recordo da historia deste emblemático grupo.
Dende o goberno local de Mondoñedo explican que a recompilación do material sobre o emblemático grupo musical foi posible grazas “a un comprometido coleccionista, José Manuel Valín Barreiro, propietario da librería de vello Valín Libros, que fai unha cesión ao Concello de Mondoñedo dun material extraordinario, como é toda a discografía do grupo en todos os formatos e soportes, LPs, singles, casetes, cedés, etcétera”. Inclúe unha moi ampla colección de fotografías, carteleiría, referencias de prensa e documentación inédita. A mostra estará integrada por 16 cadros con reproducións de concertos de Fuxan os Ventos, 11 cadros con discos, 12 cadros con fotos orixinais, 2 pósters, 1 cartel do festival de San Froilán de 1975, sete cedés e nove casetes.
Nas Festas das San Lucas de 1972 celebrouse a terceira edición do Certame de Música As San Lucas, unha cita coa música folk que tivo unha enorme transcendencia no devir cultural daqueles anos. O certame de Mondoñedo era unha referencia en toda Galicia, e participaban grupos e solistas para dar a coñecer un traballo socialmente comprometido. Así aconteceu tamén nesa edición, na que se presentou un grupo de Lugo chamado “Folk-72” e que deixou ese nome a noite do festival de As San Lucas. Cantaron a canción titulada “Fuxan os Ventos”, firmada por J. Cabodevila, pseudónimo do crego Xesús Mato, que resultou gañadora da edición. Daquela naceu para historia un grupo de música do que do seu quefacer queda pegada fonda na sociedade galega.