Burela, 1 de xullo, 2022. Chegou o momento de dicir un ata pronto a Lara Balseiro, xogadora á que vimos crecer e que nos acompañou en momentos moi importantes para o clube.
Ao longo destas 13 tempadas, Lara creceu co clube, celebrando cada éxito e marcando historia coas Guerreiras Laranxas. A xogadora co número 10 ás costas mostrou unha gran calidade de xogo e deunos bos momentos. Xunto a ela vivimos todo tipo de vitorias en supercopas, ligas e mesmo na Futsal WEC, momento no que o club se fixo co título de campión de Europa.
Lara estivo connosco para celebrar os dous anos consecutivos converténdonos no Mellor Club Feminino do mundo nos Premios Futsal Awards. Ao longo destes anos, Lara sumou co clube máis de 20 títulos.
A súa gran calidade na pista non foi un impedimento para dar o mellor polo clube promocionando a imaxe deste tanto en Galicia como a nivel nacional.
Desde o clube agradecemos todo o traballo que Lara Balseiro realizou ao longo de todos estes anos. Desexámoslle moita sorte no seu futuro profesional, o cal esperamos que estea cargado de éxitos. Sempre serás parte da familia laranxa, sempre unha Guerreira Laranxa.