Burela, 1 de xullo, 2022. Na tarde hoxe tivo lugar a presentación de Jairo Campo, o que será coordinador da base feminina do Pescados Rubén Burela. Ao acto asistiu o presidente do clube, Manolo Blanco.
Anuncio importante para o equipo mariñán no día de hoxe, pois volve Jairo, o cal estivo vinculado ao clube moito tempo de adestrador de diferentes categorías da base, incluíndo equipos femininos. Tamén deixou o seu paso como xogador de categorías inferiores, por tanto, podemos dicir que o nexo entre clube e Jairo é importante. Doutra banda, Recentemente foi segundo adestrador da selección galega sub-16 feminina no cal o equipo fixo un bo papel.
O obxectivo da súa incorporación é profesionalizar a estrutura da base feminina, debido a que, ata o momento, nunca houbo un posto desas características, e consideramos que é o momento adecuado.
Buscamos con isto, potenciar o futsal feminino de base, e cremos que Jairo é a persoa indicada para realizalo pola súa profunda paixón, gran manexo e experiencia das categorías inferiores. Ademais, como consecuencia da súa profesión fóra da pista, ten unha empatía e entendemento coas nenas e nenos que poucas persoas teñen.
Con este novo nomeamento, pretendemos que se saquen todos os equipos femininos posibles, tentando encher de boas xogadoras as competicións.