Alfoz, 22 de xullo, 2022. Este venres tivo lugar o izado da Bandeira Oficial do Concello de Alfoz.
A idea surxe na celebración do 800 Aniversario da concesión do Fuero de Benavente do título de vila, sendo cando menos curioso que un concello con tanta historia coma o noso non contase con bandeira propia.
Eduardo Pardo de Guevara, Director do Instituto Galego de Estudios Padre Sarmiento, doutor en Historia Medieval e especialista en heráldica, quen nos acompañou tamén neste acto, foi o encargado de presentar os deseños nos que se combinaban o Castelo de Castrodouro, símbolo indiscutible do municipio, e o escudo de armas do Mariscal Pardo de Cela, cuxa historia e lenda está ligada a Alfoz.
Hoxe, izamos a Bandeira de Alfoz aprobada no Decreto 104/2022, de 25 de maio,de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e publicada no Dog 114 do pasado mes de xuño.