O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “as praias de Ribadeo contan este verán con 12 socorristas, 1 xefe de equipo e 3 sanitarios. A pesar das convocatorias realizadas polo Concello quedaron vacantes 3 prazas, de aí que os areais de Os Bloques e Esteiro non conten con este servizo”.
O rexedor lembrou que “convocamos 15 prazas de socorristas e 1 xefe de equipo para comezar a traballar o 1 de xullo e só puidemos seleccionar 9 mais o responsable ou coordinador. Decidimos entón abrir unha nova convocatoria co obxectivo de conseguir 6 socorristas máis que puidesen empezar a traballar o 15 de xullo, pero tan só se conseguiron 3. Quedan polo tanto 3 prazas vacantes, que nos impiden contar con servizo de socorrismo en Esteiro e nos Bloques. No caso de se producir calquera emerxencia neses dous areais hai que avisar ao 112. O Concello de Ribadeo terá disposta a zodiac para cubrir este tipo de alertas”.
Suárez Barcia asegurou que “cada ano é máis difícil conseguir socorristas para traballar nos areais galegos. Só hai que botar un ollo ao noso arredor para ver a terrible situación. Habería que darlle unha volta urxente ás esixencias marcadas pola Xunta de Galicia. Non é de recibo que na veciña Asturias os títulos expedidos, sendo igual de esixentes, son máis asequibles en tempo e en diñeiro para os futuros socorristas.
Ninguén quere se rebaixe a seguridade nos areais, pero non se pode lexislar como fai a Xunta sen ofrecer alternativas. A Xunta está sendo responsable desta triste situación, que para colmo non aporta un céntimo, pois as exiguas axudas que ofreceu son incompatibles coa correcta contratación do persoal, logo da entrada en vigor da reforma laboral”.
E engadiu que “se a Xunta non cambia o seu modelo, e aínda que Concellos coma o noso paguemos uns salarios por riba da media, chegará o día en que as praias do país non contarán con este servizo, virán os problemas e logo laiarémonos tod@s”.
As bandeiras azuis e as da Q de Calidade Turística xa ondean nos areais ribadenses. O acto central desenvolveuse nas Catedrais, estivo amenizado por un gaiteiro (Albano) e un neno (Leo) foi o encargado de izar o distintivo azul. Asistiron, entre outros, o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo, Medio Ambiente e Cultura, Pablo Vizoso, Jorge Díaz e Pilar Otero, o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, ademais dos socorristas que este verán velan pola seguridade nas praias de Ribadeo.