A subdelegada chamou á prudencia á cidadanía para respectar as recomendacións das autoridades ante unhas citas que recuperan o seu formato tradicional tras a pandemia
Foz, 11 de xullo 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ofreceu hoxe a máxima colaboración, dende a Subdelegación e a Garda Civil, ao Concello de Foz para garantir a seguridade das vindeiras citas festivas desta localidade da Mariña.
Isabel Rodríguez copresidiu co alcalde de Foz, Francisco Cajoto, a Xunta Local de Seguridade, nunha sesión extraordinaria que se centrou no deseño e aprobación dos dispostivos de seguridade cidadá para os meses de xullo e agosto. Este dispositivos combinarán efectivos da Garda Civil, tanto da Compañía de Burela como reforzos puntuais, coa Policía Local e os servizos municipais de Foz, co obxectivo de evitar incidentes naqueles eventos que congreguen un maior número de persoas, como o desembarco viquingo, a procesión da Virxe do Carme ou os concertos vinculados a estas festividades.
No transcurso da reunión lembraron que, tras dous anos sen as celebracións habituais por mor da pandemia, este verán volven, no seu formato habitual, a Feira Normanda, a festividade do Carme e as festas de San Lourenzo, en agosto, “nas que, desde logo, a Subdelegación do Goberno e as forzas e corpos de seguridade do Estado estarán aí para apoiar á organización na salvagarda da seguridade das persoas”, asegurou a subdelegada.
Isabel Rodríguez fixo unha chamada á cidadanía a actuar con responsibilidade e prudencia nestas celebracións, “debemos reforzar o dispositivo de seguridade na medida do posible pero tamén facer máis fincapé que nunca na necesidade de respectar as recomendacións das autoridades para que estas datas sexan garantía de diversión, pero tamén de seguridade”.
Doutra banda, a subdelegada anunciou que se redoblarán os esforzos para loitar contra as agresións machistas e destacou a colaboración do concello para activar os denominados “puntos violeta”, nos que se ofrecerá información para saber como actuar ante un caso de violencia contra a muller.
Xunto coa subdelegada e o alcalde tamén participaron na reunión o capitán xefe da Compañía de Burela da Garda Civil; o cabo primeiro do Posto da Garda Civil de Foz e o xefe do Destacamento de Tráfico da Garda Civil en Burela, ademáis de mandos da Policía Local e Protección Civil do Concello de Foz.