Ribadeo, 6 de xullo de 2022. Concello e Acisa ultiman os preparativos do Ribadeo Indiano. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que o fan “con moita ilusión e esforzo” e que este Ribadeo Indiano ten o programa de actividades mais intenso de todas as edicións. O rexedor subliñou que ademais dos aparcamentos habituais estanse habilitando outros adicionais na rúa do Pipelo, rúa Pintor Fierros, na estación vella do tren e ao remate da Avda Rosalía de Castro. Son en total 660 novas prazas para o estacionamento de vehículos.
Suárez Barcia manifestou: “con toda a ilusión e con todo o esforzo estamos traballando o Concello e máis Acisa na organización deste Ribadeo Indiano. Despois da pandemia vemos que hai moitas ganas na xente de Ribadeo e na que non é de aquí pero que nos ten como punto estratéxico de encontro. Esta sétima edición do Ribadeo Indiano esperamos, se o tempo acompaña, que parece que si, que sexa o fenómeno máis relevante do ano 2022 aquí, en Ribadeo”.
O alcalde sinalou que “todos os traballadores e as traballadoras están dando o mellor de si para ter todo a punto: todas a intendencias e os preparativos dos eventos culturais, das exposicións, dos concertos en diferentes lugares da vila e na Devesa tamén”.
O rexedor subliñou que “o programa é o máis intenso de todos os anos en actividades culturais e históricas e en actuacións musicais, etcétera. Levaríanos moito tempo explicalo polo miúdo, pero na páxina web do Ribadeo Indiano e nas redes sociais están todos os programas das diferentes actividades que vai haber en Ribadeo ao longo desta fin de semana”.
Fernando Suárez explicou que “tamén estamos habilitando aparcamentos adicionais aos que xa hai. Actualmente, desde hai anos, aparte dos aparcamentos municipais estables temos outros a través de contrato de comodato, como o do Gadis, o de Ramón González ou o de Lazúrtegui, que teñen unhas 800 prazas. E agora, para este Ribadeo Indiano, habilitamos varios máis; algúns en solares que nos prestan os seus propietarios. Nalgúns casos imos poñelos por primeira vez, como o da rúa do Pipelo, no casco vello, tamén na rúa Pintor Fierros, outro novo que vamos habilitar na estación vella do tren e outro máis nun terreo que nos prestan tamén ao final da rúa Rosalía de Castro. En total supoñen unhas 660 novas prazas de aparcamento, que sumados aos que hai habitualmente teremos unhas 1.500 prazas para o estacionamento de vehículos para que non haxa escusa para non vir a Ribadeo porque para aparcar non vai haber problema”.
O alcalde ribadense animou a participar no VII Riibadeo Indiano: “a todos os que non son de Ribadeo nin da comarca e teñen dúbidas de vir temos que dicirlles que os hoteis e restaurantes teñen moitas reservas xa, pero seguro que sempre haberá un oco para que todas aquelas persoas que queiran disfrutar de todos estes eventos e comer nos diferentes restaurantes, bares, mesóns, etcétera poidan facelo. Para iso estamos dando todos o mellor de nós”.
E engadiu: “este Ribadeo Indiano neste ano dedícase á muller galega na emigración e vai contar no día da inauguración coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que vai facer o acto de presentación no Teatro ás sete da tarde. E así dará comezo o amplo abano de actividades durante esta fin de semana”.
As rúas e as rotondas de acceso a Ribadeo xa se atopan engalanadas para a ocasión.