Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou hoxe na presentación da campaña de promoción da pescada do pincho de Burela nos paradores do Camiño de Santiago, unha acción impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela. Alí puxo de relevo a importancia de accións de promoción como esta iniciativa denominada ‘Orixe e Destino Galicia’, enmarcada no plan de produción e comercialización da OPP de Burela e que conta co cofinanciamento da Consellería do Mar e coa colaboración de Paradores de Turismo de España.Neste sentido, Antonio Basanta puxo de relevo o apoio da Administración galega a estas iniciativas que buscan dar máis valor aos produtos que capturan os profesionais do mar e á actividade marítimo-pesqueira.
Unha aposta, salientou, que concorda coa do Executivo galego desenvolvida a través da campaña GALICIA SABE AMAR, para animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos da máxima calidade e enxalzar as bondades dunha alimentación adecuada, saudable e sostible.
A promoción da pescada do pincho comeza hoxe no parador de Santiago de Compostela e prolongarase ata o 18 de setembro. Neste período, despois de estar uns días en no parador de Santiago, continuará polos paradores de Vic-Sau (Cataluña), Gibralfaro (Andalucía), Trujillo (Extremadura), Chinchón (Madrid), Sigüenza (Castilla la Mancha), Calahorra (La Rioja), Lerma (Castilla-León) e volverá a Galicia coa súa presenza no parador de Baiona e no da Costa da Morte.