Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia abordará en dous grupos de traballo a proposta de Bruxelas para protexer zonas marítimas e o proxecto de lei estatal de pesca sostible

O pleno do Consello Galego de Pesca realizou unha declaración de interese en defensa da frota galega ante o acoso inxustificado que sofre por parte de organizacións ecoloxistas que será remitida á Comisión Europea e a outros organismos internacionais

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe por videoconferencia o pleno do Consello Galego de Pesca no que se constituíron dous grupos de traballo, un para analizar a proposta da Comisión Europea sobre a creación de zonas marítimas protexidas e outro sobre o proxecto de lei estatal de pesca sostible e investigación pesqueira. O obxectivo de ambos grupos é seguir traballando de xeito coordinado para marcar as liñas de defensa dos intereses do sector pesqueiro galego ante as decisións das administracións europea e estatal que afectan á actividade marítimo-pesqueira da comunidade.

Ademais nesta sesión o Consello Galego de Pesca designou a dous vogais do pleno para formar parte da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, que se está a configurar co fin de obter a mellor información dispoñible para a xestión e ordenación pesqueira da comunidade. Entre os trámites para a constitución e posta en marcha desta rede están as propostas de designación de representantes por cada un dos organismos implicados.

O pleno do Consello Galego de Pesca tamén realizou unha declaración de interese en defensa da frota galega ante os últimos ataques realizados por unha organización ecoloxista contra buques palangreiros galegos. Nela os integrantes do órgano de representación dos distintos sectores do mar de Galicia condenaron os últimos episodios contra buques galegos que estaban a faenar de xeito legal, cumprindo e respectando todas as normas nacionais e internacionais.

Esa declaración será remitida á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, á Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Icaat) e á Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA). O documento apela a que o Executivo comunitario e o resto de autoridades competentes tomen cartas no asunto ao tratarse de actos que veñen repetíndose desde hai anos e que causan un importante dano económico á frota afectada.

Exit mobile version