Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso reivindica que Galicia teña capacidade de definir as autorizacións de actividades económicas na costa

O líder dos socialistas galegos esíxelle “ambición” á Xunta para reformar o Estatuto e “dotalo de mecanismos, flexibilidade e capacidade para xestionar os sectores estratéxicos do noso país”

Baiona, 5 de xullo de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou hoxe que Galicia recabe a competencia para definir as autorizacións das actividades económicas na costa. Así o dixo en Baiona, onde mantivo unha visita á lonxa e un encontro coa confraría de pescadores no que tamén participou o alcalde, o socialista Carlos Gómez.

O responsable socialista dirixiuse á Xunta para reclamarlle “que lidere a petición ao Estado de que as instalacións no litoral galego de dominio público marítimo – terrestre, da que dependen milleiros de familias, se decida aquí e Galicia”.

O líder dos socialistas galegos subliñou que “a decisión das autorizacións para decidir se sobrevive ou non un sector non se pode decidir dende a Castellana, en Madrid, tense que tomar dende Galicia”. Explicou que “somos os que mellor coñecemos as necesidades do sector, os que defendemos ao sector e os que defendemos a sostenibilidade da nosa costa”.

Reforma do Estatuto

Valentín González Formoso esixiulle “ambición” á Xunta “no só no ámbito da costa, senón tamén noutros ámbitos nos que o Estatuto queda anticuado”. Explicou que “o resto das Comunidades Autónomas fixeron os deberes” actualizado os seus estatutos, e Galicia, dixo, “debe ser ambiciosa, reformar o Estatuto e dotalo de mecanismos, flexibilidade e capacidade para xestionar os sectores estratéxicos do noso país”.

Exit mobile version