Site icon Crónica3.com A Mariña

Festival de verán en Cabanela o sábado e Lítore Quartet no Mercado dos Domingos, nunha fin de semana musical en Ribadeo

Ribadeo, 21 de xullo de 2022. Ribadeo inúndase de música esta fin de semana co festival de verán que se celebrará en Cabanela o sábado e coa actuación de Lítore Quartet no Mercado dos Domingos o 24.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, declarou que “a música inundará esta fin de semana a nosa vila. Despois da intensa actividade que desenvolvemos durante o VII Ribadeo Indiano seguimos coa nosa axenda cultural para o terceiro trimestre de 2022, que arrinca co festival de verán que terá lugar o sábado, 23 de xullo, en Cabanela”.

A edil ribadense subliñou: “nese espectacular marco, a carón da nosa ría, a partir das nove e media da noite poderemos gozar coa música de TéCanela, que veñen presentarnos o seu traballo Al borde de la cordura. Neste festival contaremos tamén coa presenza de Los Jinetes del Trópico. A entrada é de balde. En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao auditorio municipal Hernán Naval”.

Pero a música na vila non comeza con este evento, senón un día antes. Pilar Otero dixo: “pero antes, este venres, 22 de xullo, a comisión das festas de San Roque e da Patroa ribadense organiza xunto a Espectáculos Pico, no aparcadoiro que está situado a carón do Juanín, a actuación da orquestra Panorama. Trátase dunha actividade coa que colaboramos desde o Concello de Ribadeo. Para este concerto a organización vai cobrar entrada. Tanto neste caso como no festival de verán do sábado, 23 de xullo, en Cabanela vaise permitir a colocación dunha barra de bar, co obxecto de recadar fondos para a organización das festas patronais de 2022”.

Pilar Otero seguiu a relatar que “o domingo haberá máis música en Ribadeo. Lítore Quartet actuará na contorna da praza de abastos o día 24 a partires das doce do mediodía para amenizar o Mercado dos Domingos, esta cita tan exitosa e demandada, que ten como protagonista ao produto local. Esta actuación está organizada polo Concello e polo Xacobeo 21/22. E pecharemos a fin de semana co concerto de piano que ofrecerá o ribadense Guillermo Cruzado o domingo ás 21:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval. É o seu terceiro concerto en Ribadeo e nel poderemos escoitar obras de Beethoven, Granados, Chopin, Ravel ou Liszt”.

A concelleira de Cultura ribadense anima á xente a acudir a disfrutar destas propostas: “animamos a ribadenses e visitantes a gozar das propostas coas que se atoparán estes días na nosa vila. Moita música, moitas posibilidades… para todos os gustos e públicos”.

Exit mobile version