Lugo, 27 de xullo de 2022. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebra o vindeiro sábado na praia de San Román. O delegado territorial, Javier Arias, acompañado do alcalde, Jesús Novo -entre outras persoas -, destacou “o gran valor da iniciativa para seguir sumando atractivos á oferta diferencial deste destino e continuar consolidando a tendencia positiva do turismo na localidade e no resto da Mariña”.
A festa arrinca ás 10.30 horas do sábado coa apertura do campamento e o inicio dos obradoiros. Continuará durante todo o día, con actividades entre as que destaca o desembarco viquingo seguido da batalla a partir das 12.30 horas. Ao longo da xornada haberá animación musical, comida campestre, títeres, xogos, contacontos, o enterramento viquingo -ás 22.30 horas- e a voda viquinga -á media noite -, entre outras actividades. Previamente, o venres 29, a xornalista Marta Darriba lerá o pregón na Casa da Cultura ás 20.30 horas. A continuación haberá un pasarrúas polo casco urbano.
Apoio da Deputación
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este mércores no acto. A institución provincial, subliñou García Pernas, colabora con esta “festa xa emblemática e de referencia no calendario festivo da comarca da Mariña e de toda a provincia de Lugo” a través do Plan Único, que inclúe para este evento un importe de 27.211€. O Deputado enmarcou este apoio “dentro da nosa clara liña de cooperación cos concellos e co tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia, e para consolidar o modelo de turismo que defendemos. Un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio, e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”.