O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Ribadeo nos networking Galicia Empresa con pemes e autónomos da comarca no que se achegaron novas figuras como a Oficina Galicia Empresa e a Secretaría Xeral de Industria, coas que se apoian os proxectos de investimento
Ribadeo, 29 de xullo de 2022. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe en Ribadeo, nos encontros Galicia Empresa con pemes e autónomos da comarca, que se está a producir un “cambio de paradigma” na empresa, a través da dixitalización e a sostibilidade. Así, apuntou que as compañías deben ser máis competitivas desde o punto de vista enerxético, investindo en renovables; apostar pola innovación e a economía circular, e optimizar a loxística.
Na xuntanza achegáronse figuras como a Oficina Galicia Empresa e a Secretaría Xeral de Industria, a través das cales a Xunta busca trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido empresarial e apoiar os seus investimentos, achegando tamén orientación e asesoramento aos proxectos.
A través das mesmas xestiónanse o que a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia establece como proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias. A través desta lei, que entrou en vigor hai máis dun ano, xa se contribuíu a axilizar a tramitación dunha vintena de iniciativas industriais que suman un investimento que podería superar os 2.700 millóns de euros.
Esta normativa enmárcase no compromiso de Galicia coa mellora regulatoria para captar novos investimentos, un camiño no que a Xunta vai da man cos Concellos Emprendedores, unha iniciativa na que xa colaboran preto da metade dos municipios galegos (152), 23 deles na provincia de Lugo.
Na xuntanza celebrada en Ribadeo informouse de distintas convocatorias de axudas que o empresariado ten ao seu dispor. Así, nestes momentos están abertas dúas liñas de axudas que suman 7 millóns de euros co obxectivo de impulsar a súa transformación dixital e modelos produtivos baseados na economía circular.
No encontro, organizado en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo, coa que a Xunta ten en marcha o programa Conecta Lugo, compartiron as súas experiencias no eido da innovación e a sustentabilidade representantes da compañía ribadense Nigal, que achega solucións de intelixencia artificial, e Pescados Orol, de Burela.
O vicepresidente económico, que tivo a ocasión de escoitar as propostas dos participantes na reunión, sinalou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, apuntando que o obxectivo das distintas administracións “ten que ser único e eu creo que é compartido: se hai unha idea vamos a levala a termo con todos os instrumentos que teñamos a disposición”.