Foz, 8 de xullo, 2022. Homenaxéase neste 2022 a Florencio Delgado Gurriarán, tanto ao poeta coma ao activista político e cultural. Para a Concellería de Normalización Lingüística, as Letras Galegas celébranse os 365 días do ano. É necesario honrar a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos que, organizados en conexión con outros transterrados da diáspora, contribuíron a manter aceso o facho da cultura galega e da nosa identidade.
Pertencente á denominada “Xeración do 25”, da que tamén forman parte autores como Manuel Antonio ou Blanco Amor, foron unha sorte de fillos da Xeración Nós que, continuando co labor modernizador e europeizante dos seus predecesores, convertéronse nos grandes renovadores da poesía e do teatro galego.
Para coñecer mellor a figura deste poeta valdeorrés, a partir do 11 de xullo e até o 18, poderase visitar a exposición “Florencio Delgado Gurriaran: Compromiso na distancia”. Será na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Manuel María de Foz, en horario de 08:30 a 14: 00 hs.
En vindeiras datas continuaremos a celebrar e difundir o noso idioma. En galego, todo o ano.