O sindicato sinala que este caso pon de manifesto que non hai un problema de falta de man de obra na hostalaría, senón un problema de incumprimento do convenio
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022. A Federación de Servizos de CCOO denunciou perante a Inspección de Traballo as posibles irregularidades laborais no grupo hostaleiro Llanoponte, con establecementos en Viveiro, Foz e Ribadeo. Esta entidade fixo ofertas de emprego antes do verán para o reforzamento do cadro de persoal que incluían un salario mínimo neto de 1400 euros —ata un máximo de 2000—, aloxamento e manutención. Porén, o que non se contaba na dita oferta eran as condicións abusivas no referente á xornada laboral e os descansos.
CCOO presentou a denuncia na Inspección tras acudir unha traballadora á sede do sindicato para denunciar a «cara oculta» da dita oferta, «encarnación do que sempre denunciamos como unha realidade inasumible par o persoal do sector», sinala Héctor Ortega, responsable provincial da Federación de Servizos. En concreto, xornadas de doce horas ou máis con contratos a tempo parcial, rexistros de traballo falseados ou menos días de descanso dos que indica o convenio.
Ortega sinala que «é pouco habitual» atopar traballadores e traballadoras que se atrevan a denunciar as condicións abusivas con que se atopan na provincia, xa que «temen represalias» por parte das empresas do sector.
Isto demostra que, como dixo CCOO en diversas ocasións, «non hai un problema de falta de man de obra na hostalaría, senón de incumprimento do convenio colectivo». Así mesmo, o sindicalista lamenta que as empresas «nunca pensen en reestruturar a organización produtiva e reinvestir parte dos seus beneficios en valorar a experiencia e a profesionalidade».
Novo convenio provincial
Recentemente asinouse un Lugo un novo convenio provincial que «mellora notablemente» as condicións laborais e pode «facer atractivo o sector para quen busque traballar profesionalmente nel», pero para iso «é imprescindible respectar o que está asinado». Neste punto, Ortega lembra o difícil que é sempre chegar a acordos coas empresas, «que se poñen á defensiva cada vez que se propón calquera mellora, pero non actúa contra quen fai caso omiso do convenio e fai competencia desleal a quen si o cumpre».
CCOO actúa
Por último, desde CCOO lembran que están a disposición de calquera traballador ou traballadora, sexa cal for o sector de actividade ou vínculo laboral, que considere que non se están a respectar as súas condicións de traballo, especialmente no caso das contratacións estivais. «Os dereitos laborais non collen vacacións», conclúen desde o sindicato.