Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Tomé xa fala incluso diante dos socialistas como ex presidente da Deputación, porque sabe que os lucenses non lle perdoan tantos e tan graves erros”

No PP din que un dos grandes erros de Tomé “é non defender os intereses da provincia diante dos diferentes ataques do Goberno presidido por Pedro Sánchez, que puxo por diante unha transición enerxética ideolóxica fronte aos intereses de Lugo”

Lugo, 24 de xullo de 2022. “O presidente provincial, José Tomé (PSOE), xa fala incluso diante dos socialistas como ex presidente da Deputación, porque sabe que os lucenses non lle perdoan tantos e tan graves erros como cometeu”. Así o entende o portavoz do PP en San Marcos, Javier Castiñeira, despois de coñecer polos medios de comunicación o discurso de Tomé na recente reunión do comité provincial do partido. Castiñeira sinala que “visto o seu balance diante dos socialistas da provincia temos moi claro que José Tomé sabe que dentro dun ano vai ser ex presidente da Deputación de Lugo; sabe que non vai repetir como presidente porque é consciente de que cometeu erros moi graves”.

Os populares consideran que o primeiro erro de Tomé “é non defender os intereses da provincia diante dos diferentes ataques do Goberno presidido por Pedro Sánchez, que puxo por diante unha transición enerxética ideolóxica antes que os intereses de Lugo”. Cren que para comprobalo “non hai máis que escoitar o que dicían os seus ex compañeiros sindicalistas en San Marcos cando tiñamos o problema do estatuto electrointensivo; dicíanlle que é un socialista de pacotilla, por non defender os intereses de A Mariña, a permanencia de Alcoa, sobre os do Partido Socialista”.

Castiñeira di: “O señor Tomé sabe das súas numerosas meteduras de pata. Sabe que no resto do Estado é coñecido como ese presidente que desconsidera aos seus rivais políticos, como fixo en concreto coa presidenta do PP provincial, pola súa forma de vestir”. Grave erro tamén, segundo os populares, é “discriminar aos concellos máis pequenos, o que vai absolutamente en contra dos obxectivos propios dunha Deputación”. Erro grave igualmente, en opinión de Castiñeira, é “o reparto dos recursos da Deputación en función das cores políticas”.

O que o portavoz popular saca en claro do que transcendeu do discurso de Tomé aos socialistas é que carece de proxecto de futuro para a provincia. Nin ten proxecto, di Castiñeira, nin capacidade de defensa dos sectores produtivos lucenses. “O señor Tomé non defendeu aos gandeiros cando necesitaban que se reduciran os custos de produción; non defendeu aos transportistas; non defende os intereses da nosa flota en A Mariña”.

Castiñeira ten claro que Tomé “é unha marioneta de Sánchez”; xogar ese papel parece o seu gran obxectivo. Fronte a falta de proxecto de José Tomé para Lugo, Castiñeira está convencido de que os lucenses son conscientes de que o PP, baixo a presidencia de Elena Candia na provincia, é o único partido con proxectos claros para Lugo.

Exit mobile version