Ribadeo, 12 de xullo de 2022. Na mañá de hoxe, martes 12 de xullo, presentouse unha candidatura para a renovación da xunta directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo, proceso que foi convocado o 24 de marzo.
A lista está formada por: Carmen Cruzado Iglesias, de Faro Norte Comunicación, para a presidencia; Virgina Eceiza Baltar, de Gastrobar Mareta, para o cargo de vicepresidenta; Manuela Torviso Pérez, de Lencería Torviso, para a tesourería; Felipe Fernández Barcia, do restaurante A Horta de San Roque, para a secretaría; e como vogais José Ramón Leal Segura, da galería Terra Branca, e Álvaro Suárez Cernuda, das tendas de moda Coco e Jatay. Polo tanto conta con 3 representantes do sector comercio, 2 de hostalería e 1 de servizos.
Nesta candidatura hai persoas que xa formaron parte de anteriores directivas de Acisa pero a maioría delas nunca estiveron na xunta desta asociación. Todas teñen como principais obxectivos manter as iniciativas organizadas ata agora polo colectivo empresarial que resultaron máis exitosas, promover novas actividades e aumentar o número de socios porque “cantos máis sexamos máis forte será a asociación e iso é mellor para todos e para Ribadeo”.