O grande suceso de público dos recentes concertos das Tanxugueiras en Vigo (Castrelos, 30-X, máis de 40.000 persoas) e A Coruña (praia de Riazor, 12-A, arredor das 80.000 persoas) constitúen unha emenda á totalidade á política cultural da Xunta (nomeadamente dos promotores do Xacobeo) e á de moitos gobernos locais, adoito pendentes só da contratación de artistas foráneas no prexuizo das galegas. Indubidábelmente, o éxito do trío galego alicérzase na súa forza expresiva, na súa calidade técnica e artística e nunha feliz conxunción de modernidade e tradición. Mais este éxito non se pode explicar sen o traballo colectivo de máis de corenta anos de ducias de artistas e creadores galegos que desenvolveron- e seguen aínda a desenvolver- con extremas dificultades o seu traballo mentres o concelleiro de Festas ou o xerente do Xacobeo de quenda contrataban espectáculos cativos de serie C nun vergoñento espectáculo de cosmopailanismo. Semella que a veciñanza galega resposta ben á súa música e á súa cultura e as fronteiras mentais están inseridas nos miolos de moitos dos seus políticos.
Son as mesmas fronteiras e limitacións mentais que determinan o uso case exclusivo do castelán do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como fixera noutrora o alcalde coruñés Francisco Vázquez. Que levaron á vicepresidenta do Goberno do Estado, Nadia Calviño, ausar case en exclusiva o castelán diante de 400 persoeiros como pregoeira do Día de Galicia de V igo no mesmo Castrelos no que días antes 40.000 persoas celebraban en galego coas Tanxugueiras. Que lle dan pulo ao afastamento dos nosos creadores e artistas da axenda pública das festas de Ourense, Vigo e doutras cidades e vilas.
Teño escrito que o principal problema do galego é a súa desigualdade xurídica co castelán en dereitos. Velaí a importancia de acenos como do cidadán que obtivo xudicialmente a obrigatoriedade de que a Axencia Tributaria estatal se relacionase con él en galego ou da persoa que obtivo, non sen discusións, dunha doutora do SERGAS en Bueu un informe en galego que de primeiras ía ser redactado en castelán. Mais precisamos tamén que os referentes sociais e empresariais, os nosos políticos, científicos e deportistas usen do galego en público e reivindiquen a nosa lingua e cultura na súa praxe cotián
Porque o pretexto de que a cidadanía non quere contidos e espectáculos en galego xa non se sostén. Négano as enquisas e amósao a realidade. Cómpre, logo, normalizarmos o normal.