Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Devalo electoral no PPdeG?”, por Xoán Antón Pérez Lema

Electomanía ven de publicar unha nova edición do seu Galaicopanel que reflicte unha máis ca probábel perda da maioría absoluta do PP e unha maioría alternativa de centroesquerda. Deste xeito, ao PP se lle atribúen 37 escanos cun 42,3% dos votos (fronte a case o 48% e 42 escanos acadados nas nacionais galegas de xullo de 2020), mentres o BNG sobiría tres escanos (de 19 a 22) e 2,4 pontos (do 23,8% ao 26,2%). O PSdeG mantería os seus 14 escanos, cun 19,4% dos votos, mentres Galicia en Común voltaría ao Parlamento, con 2 escanos, no limiar do 5% esixido legalmente e próximo a perder, xa que logo, a súa representación. Vox, cun 4,8%, non acadaría representación. Deste xeito o conxunto das forzas progresistas quitarían 38 representantes fronte aos 37 do PPdeG, polo que Ana Pontón (BNG) podería ser a vindeira Presidenta da Xunta.

Cómpre dicir que esta enquisa ten un valor limitado, tendo en conta que cunha marxe de erro do 2,3% a adxudicacion dos restos podería dar uns resultados finais ben diferentes. Mais indubidábelmente sinala unha tendencia, pois que achega 548 entrevistas novas a unha base previa moi superior. Serve, xa que logo, para estudar como evolúe a percepción do corpo electoral galego. Cun 50,6% de voto progresista fronte ao 42,3% do PP a fenda semella abonda como para albiscar a probabilidade relativa dunha remuda no Goberno deste país.

Os case cen días do Goberno de Alfonso Rueda non lle serviron ao pontevedrés para mellorar de xeito significativo nin o seu coñecemento nin a súa avaliación cidadá. Tampouco semella que lle valesen para consolidar o seu liderado social nin no propio PPdeG. O 11,5% da inflación galega sobarda en case un ponto a estatal en en máis de tres a da UE, mais a cidadanía galega descoñece ningunha medida correctora adoptada pola Xunta, que mesmo suprimiu o bono de alimentos para persoas en risco de exclusión introducido no tempo da pandemia. A asistencia primaria e mesmo algúns servizos da hospitalaria, como a Medicina Interna, viven o seu annus horribilis mentres a peor campaña de lumes dende 2017 amosou a improvisación e falla de planificación diunha Consellaría do Medio Rural que o 10 de xullo non tiña operativas aínda as brigadas de extinción na Terra de Lemos, Val de Quiroga e O Caurel.

Velaí que esta falla de liderado e ideas estea a pesar como chumbo no ánimo de relevantes persoeiros populares que mesmo confían na eventual coincidencia das eleccións estatais coas nacionais galegas, contra a fin do 2023, para que Núñez Feijóo poida darlle a volta a esta onda devalante.

Neste senso, se Alfonso Rueda non é quen de mellorar susbstancialmente o mapa de gobernos locais do PP nas vindeiras municipais esta indesexábel coincidencia electoral será aínda máis factíbel.

Exit mobile version