Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela presenta a XXXVI Feira do Bonito cun showcooking e unha degustación do produto

No acto de presentación deuse a coñecer a programación que mestura ao longo de catro días a gastronomía, música, pintura, hostalería e artesanía

Burela, 22 de xullo de 2022. Comeza a contra atrás para a trixésimo sexta edición da Feira do Bonito de Burela, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto. Organizadores e Concello veñen de realizar a presentación oficial na Casa Consistorial coa colaboración da Deputación de Lugo, que promoveu unha sesión de showcooking e unha degustación posterior deste produto emblema.

Burela estreará este 2022 o recente nomeamento da Feira do Bonito como de Interese Turístico Nacional despois de anos de arduo traballo para acadar esta distinción e dous anos de pandemia que impediron celebrar esta feira tan sinalada na localidade.

No acto de presentación estiveron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a subdelegada de Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades, así como a presidenta da entidade organizadora, a Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia de Burela, Rocío Vidal, e o xerente de Expomar, José Manuel González (Brais).

Alfredo Llano convidou un ano máis “a asistir a esta feira que hoxe presentamos en Burela e que xa vimos de promocionar en Montmeló, unha cita que estamos seguros de que vai ser un éxito e que merece todo o preciso para darlle altura e grandeza, cun produto exquisito como o bonito de Burela, cun sector pesqueiro referente a todos os niveis, con concertos musicais, muralismo no museo ao aire libre que temos no porto, artesanía a través de Produart e tamén implicación da hostalería co tapeo de bonito nos locais durante esa semana”, explicou, “todo un luxo e un orgullo para Burela”.

A XXXVI Feira do Bonito desenvolverase como xa é habitual a primeira fin de semana de agosto, os días 6 e 7, nos que se repartirá entre veciños e visitantes un total de 3.500 kg de bonito en distintas elaboracións. Comezará o 6 de agosto coa ruta BTT Enduro “Monte Castelo – Bonito de Burela”, con saída do porto ás 9:30h. Unha hora máis tarde, comezarán os partidos do IV Torneo de Fútbol Veteranos na Marosa, e ás 11:30h comezará a II Quedada de Coches Clásicos, que farán un percorrido polas rúas do pobo e rematarán cunha concentración na Praza do Concello a partir das 13h.

Nesta cita que aúna gastronomía con tradición e cultura, non pode faltar a música, polo que será a Charanga Mekánika Rolling Band a que porá a nota musical cun pasarrúas ás 12h. A recepción de autoridades e convidados realizarase ás 13:30h no barco museo Reina del Carmen, así como o recoñecemento do galardón Bandeira Azul.

Ás 14h comezará o pregón a cargo de Martiño Suárez Fraga, escrito e xornalista, e posteriormente farase a entrega de premios do concurso de carteis e o nomeamento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira.

A continuación será a apertura da degustación de bonito, que se manterá ao longo da tarde repartindo tapas de salpicón e as racións clásicas de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. Haberá racións sen glute para persoas con intolerancias.

Rematará o día coas actuacións musicais a partir das 21h de A Banda da Loba, LA Quinquillada e un Dj.

O domingo haberá actividades infantís desde as 12h e a partir das 13:30 comezará a degustación de marmitako, coa sesión vermú a cargo de Familia Caamagno.

Certame Internacional de Pintura Mural Amarte

Coincidindo coa Feira do Bonito, os nove finalistas recentemente seleccionados do certame de pintura Amarte, o máis internacional de todas as edicións, realizarán os seus traballos no porto desde o xoves 4 de agosto.

O domingo 7 de agosto ás 13h terá lugar a entrega de premios dos tres gañadores do certame elixidos por un xurado profesional.

Produart

A XXXVI Feira do Bonito tamén terá espazo para a artesanía, coa Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart promovida por Expomar que cumpre a súa XX edición. Os expositores comercializarán ao longo da fin de semana distintos produtos e obxectos no porto burelense, con entrada libre e de balde. Haberá actuacións dos acordeonistas de Burela, unha mesa debate por unha pesca sostible, e actividades impartidas polas monitoras de Gaia.

Deputación e Xunta coa Feira do Bonito

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na presentación da XXXVI Feira do Bonito e XX Produart, que tivo lugar na Praza do Concello de Burela. No acto tamén participaron o Alcalde do municipio, Alfredo Llano García; a presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera; e o xerente da Fundación Expomar, Brais González López.

A Feira do Bonito está declarada Festa de Interese Turístico Nacional, que “premia á traxectoria, pero, sobre todo, é un punto de inflexión para seguir mellorando, para potenciar a promoción do bonito e para abrir novos mercados”, detallou o mandatario provincial.

Será a fin de semana do 5 ao 7 de agosto cando se leve a cabo esta cita no porto burelés, coincidindo un ano máis coa celebración de Produart, impulsada pola Fundación Expomar, e o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que este ano celebra a súa VI edición.

Voluntarios e voluntarias cociñarán o bonito en diferentes elaboracións, incluíndo as tradicionais como o bonito á grella, en empanada, cocido ou asado, e outras máis recentes como o marmitako, unha receita que, nos últimos anos, foi moi demandada polas persoas que se achegaron á feira.

Importancia social e económica da pesca
José Tomé Roca quixo destacar a importancia do sector pesqueiro na localidade mariñá e na provincia: “falar do bonito é falar dun produto gastronómico de calidade excepcional, pero tamén é falar de pesca, de tradición e de sostibilidade; dun modo de relacionarse co mar e dun modo de vida. É falar de riqueza e de emprego. Non esquezamos que a actividade económica do porto de Burela aporta un 25% do PIB local e dá emprego a 1.250 tripulantes”.

“É necesario manter as axudas para o sector e levar as nosas reclamacións ante a Unión Europea, na liña na que traballa o Goberno de España e tal e como se comprometeu o ministro Planas nunha visita recente aquí a Burela, pero, desde logo, é necesario contar con feiras coma ésta, que poñan en valor sempre a calidade do produto e que fagan que o consumidor cobre conciencia de que esa calidade debe ter un lóxico reflexo no prezo do mercado”, afirmou o Presidente.

Este ano, a institución provincial asinou coa Fundación Expomar un convenio de colaboración para a posta en marcha de diferentes actividades, entre as que se atopa Produart. Así mesmo, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos a Deputación achega máis de 35.000€ para a celebración de actividades culturais como o certame mural, no que este ano participan nove artistas de Angola, Murcia, Arxentina, México, Madrid, Guipuzkoa e Pontevedra.

Durante a presentación levada a cabo este venres, a institución provincial ofreceu a través da Asociación de Cociñeiros de Lugo unha demostración culinaria en directo. O Chef executivo do Noa Butique Hotel, Alejandro Ares; o presidente do colectivo, Bruno Pena, e o responsable de Alimentos e bebidas de Oca Hoteles, Pablo Vila, elaboraron tres pratos de bonito en crudo, á grella e macerado, co obxectivo de conservar o espírito tradicional e que deixe de ser un alimento estacional.

Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ratificou hoxe o apoio do Goberno galego á Feira do Bonito de Burela, que recibe 30.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia para colaborar cos gastos de organización.

Arias participou na presentación xunto con representantes das demais institucións implicadas na celebración, prevista para a primeira fin de semana de agosto. Subliñou o papel clave das festas gastronómicas “como reclamo turístico” e puxo de relevo “a enorme proxección exterior que lle dá este produto a Burela e a toda A Mariña, como demostra a recente declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”.

Afirmou que a Xunta “seguirá prestando apoio loxístico e promocional” respaldando campañas como a de Orixe e destino, que ten en marcha pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela para levar aos paradores do Camiño de Santiago a degustación tanto do bonito como da pescada do pincho.

Tamén afirmou que o Goberno galego “seguirá apostando por esta vila, motor do dinamismo económico da Mariña”, programando melloras como as executadas nos últimos anos no porto, entre as que salientou as máis recentes, como a renovación integral da envolvente da nave de redes, a construción do segundo martelo do peirao co obxectivo de mellorar a seguridade, o acondicionamento da cuberta da nave de Expomar ou, este mesmo ano, a instalación de novos brazos de amarre en dous pantaláns, a renovación das portas dos departamentos do punto limpo e a mellora do firme na zona de manobras de carga e descarga de mercadorías do peirao comercial.

Exit mobile version