Non podemos aceptar que cando máis caros están os combustibles e cando máis necesitan os cidadáns facer uso do transporte público, o Goberno de España pretenda desmantelalo”
Balseiro pide que o Goberno central rectifique e non deixe sen parada a 23 concellos galegos -entre eles dez da provincia de Lugo- e a elaboración dun novo mapa estatal de autobuses que sexa máis sensible coas necesidades de Galicia, de xeito especial, no ámbito rural.
“Non podemos aceptar que cando máis caros están os combustibles e cando máis necesitan os cidadáns facer uso do transporte público, o Goberno de España pretenda desmantelalo”-explicou.
Os populares piden ao Ministerio que cambie os criterios empregados no deseño das liñas de bus de competencia estatal, aplicando outros como o da dispersión territorial e poboacional, promovendo a prestación de servizos de transporte interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, a continuidade dos tráficos e as paradas nos 23 concellos que, conforme ao plan actual, quedarían sen servizo.
A provincia de Lugo, a principal prexudicada
O proxecto do Ministerio prevé suprimir paradas en dez concellos da provincia de Lugo: Chantada, Guitiriz, Monterroso, O Corgo, Palas de Rei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira e As Nogais. Tamén noutros municipios galegos como os de Lalín, O Porriño, Tui, Silleda, Melide, Allariz, Arzúa, Ribadavia, A Rúa, Forcarei, Riós, Trasmirás e A Mezquita.
Eco da revolta municipal
Balseiro busca así un acordo unánime da Cámara galega a imaxe e semellanza da fronte común que teñen adoptado os alcaldes da maioría dos concellos afectados por este recorte. Días atrás, os rexedores sumaban forzas coa Xunta para pedir ao Ministerio de Transportes a retirada do plan, cuxa aplicación está prevista para 2024
“Isto vai máis aló de ideoloxías ou partidos. Todos estamos chamados a defender a mobilidade en Galicia e impedir que a nosa comunidade quede desconectada con resto das autonomías de España, porque desde Moncloa priman outros criterios -económicos sobre todo- fronte ao que debe ser un servizo público. Ademais o Goberno de España non recuperou aínda os servizos de tren e autobús anulados coa pandemia. É un suma e segue. Temos que se claros no rexeitamento deste plan”-indicou o deputado
A Xunta si aposta polo rural
O deputado popular sinala, finalmente, que o Ministerio ten que tomar exemplo do feito pola Xunta, que foi quen de renovar, non sen esforzo, todas as concesións de transporte por bus da súa competencia (o interurbano, metropolitano e interprovincial), ofrecendo máis rutas, máis paradas e máis transbordos, que no plan anterior. E incorporou novos servizos como o transporte escolar compartido e as paradas baixo demanda”.