Este obradoiro desenvolveuse no marco do programa Bandeira Azul no que participa o Concello de Burela
Burela, 28 de xullo de 2022. As nenas e nenos da Ocioteca de Verán do Concello de Burela realizaron hoxe unha saída á praia do Portelo coas monitoras de Gaia para realizar unha actividade de campo observando e aprendendo as características da flora do litoral burelés, que reflectiron nos seus “cadernos de campo”.
Os obxectivos principais da saída foron os de coñecer a importancia da flora para a contorna, aprender a identificar e coñecer as especies, así como as características das máis comúns, e tamén identificar aquelas invasoras e o seu impacto sobre o medio.
Durante o traxecto polo paseo marítimo, monitoras e pequenos realizaron varias paradas para observar de preto as plantas que se encontraban ao seu paso. A actividade desenvolveuse en dúas partes, por unha banda deron a teoría sobre a importancia da flora, nome común e técnico das distintas plantas, características, usos, curiosidades, diferenza entre as invasoras e as especies autóctonas, e por outra banda, elaboraron un pequeno caderno de campo con fotografías e características.
Este obradoiro forma parte do programa de educación ambiental Bandeira Azul no que participa o Concello de Burela, co obxectivo de organizar distintas actividades relacionados co cambio climático, a perda da biodiversidade e a contaminación, facendo fincapé na educación medioambiental dos máis pequenos e o coñecemento do territorio.