Os últimos anos púxose de moda o termo “cuñao” para referirnos ao suxeito que, supostamente, sabe de calquera tema, que dá leccións sen que ninguén llas pida e que, polo xeral, senta cátedra en espazos públicos, xa sexan físicos como os bares, ou virtuais, como os foros ou redes sociais.
Non é que eu sexa un experto en “cuñadoloxía”, porque tampouco son unha persoa dada a socializar moito con descoñecidos. Sen embargo, si que me gusta examinar a un “cuñao” dende a distancia, tanto en vivo como en internet, porque o considero interesante se un non se implica no eido emocional. A partir de aí, creo que hai algunhas verdades e algúns mitos sobre este personaxe que é parte da paisanaxe urbana e rural que convén delimitar para saber do que falamos e, sobre todo, para sermos rigorosos.
Os principais elementos da sabedoría popular que se cumpren cando se fala dos “cuñaos” son dous. O primeiro, que o nivel de coñecemento do que falan cando queren ensinar aos demais é, no mellor dos casos, superficial, cando non inexistente. Por outra banda, estes personaxes sempre sentarán cátedra e non terán problema en desbotar, mesmo con argumentos sectarios ou de (suposta) autoridade, as opinións contrarias, aínda que estean mellor fundamentadas.
Sen embargo, hai dous lugares comúns, ao meu entender tendenciosos, que non se dan sempre cando falamos de “cuñaos” e que convén matizar. Son os seguintes:
1. Existe o costume de empregar o termo “cuñao” para descualificar opinións que se consideran sempre de dereitas ou conservadoras, e aí nego a maior. O motivo é que os “cuñaos” se mimetizan co entorno ou son un subproduto do mesmo; polo tanto, un “cuñao” existe cando hai un humus que favoreza o seu desenvolvemento. Por poñer un exemplo, alí onde a esquerda sexa socialmente hexemónica, será máis factible que os “cuñaos” respondan a ese perfil ideolóxico, mentres que, onde o sexa a dereita, acontecerá o contrario.
2. Por outra banda, tamén se pensa que un “cuñao” responde ao prototipo dun varón de mediana idade, desleixado e dun nivel cultural medio ou baixo. Erro maiúsculo, porque un “cuñao” pode ser de calquera xénero, idade, presenza exterior ou nivel cultural. O mínimo común denominador para que o “cuñadismo” agrome é o que se dixo antes: falar con seguridade e con ánimo proselitista do que non se sabe e ter unha actitude arrogante ante as obxeccións. Se se cumpren esas condicións, “cuñao” pode ser calquera.
Se ben este tipo de personaxes sempre existiron, baixo outras denominacións, na democracia posmoderna teñen máis notoriedade da que terían noutros tempos. Por iso é aconsellable que nós sexamos os primeiros en ollar cara á realidade sen prexuízos e con humildade, precisamente para non ser nós mesmos “cuñaos”.