Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfoz revive o seu pasado no Mercado Medieval os días 15 e 16 de xullo, coa colaboración da Deputación

A contorna do Castelo de Castro de Ouro acollerá durante a fin de semana música en vivo, espectáculos de circo, exposicións, así como a entrega de medallas, entre outras actividades

Lugo, 6 de xullo de 2022. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores no Pazo de San Marcos a 22 edición do Mercado Medieval de Alfoz, que se celebra os días 15 e 16 de xullo coa colaboración da Deputación de Lugo. García Porto estivo acompañada durante o acto polo Alcalde, Jorge Val Díaz, e polo Concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Cándido Paleo Rejes.

A Deputada enmarcou o apoio a esta cita coa historia na clara aposta da institución provincial polo turismo de experiencias e de proximidade. “Trátase dun modelo que pon en valor o noso patrimonio, como neste caso, que favorece o equilibrio territorial e que actúa como factor de desenvolvemento do rural. E para conseguir isto traballamos da man cos concellos da provincia, colaborando con diferentes accións e medidas para impulsar o noso territorio”, sinalou a Deputada.

A Deputación achega 7.500€ a través do Plan Único a esta cita que reunirá en dúas xornadas música en vivo, bufóns, espectáculos de circo, exposicións ou a entrega de medallas. Pilar García Porto destacou que, grazas a este encontro, “durante unha fin de semana enteira, Alfoz duplicará a súa poboación coa chegada de veciños e veciñas de distintos puntos da provincia, do resto de Galicia e mesmo de visitantes de toda España. Persoas que viaxan a este pequeno municipio para vivir unha experiencia: a experiencia de vivir no medievo”.

Así mesmo o Alcalde, Jorge Val, quixo recordar que “se trata dunha cita de todos e para todos. Por iso invitamos a todas as persoas que queiran vir e gozar dun entorno único como é no que se atopa a torre do Mariscal Pardo de Cela”.

Exit mobile version