O texto foi rubricado esta mañá en Santiago de Compostela por parte do director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez. Durante o encontro, ambos representantes conversaron sobre os retos actuais aos que se enfronta o sector e o representante de ABANCA resaltou o compromiso que mantén a entidade financeira coa economía de proximidade e co sector primario en Galicia.
Mediante este acordo, ABANCA continúa coa súa aposta pola mellora da sostibilidade e da eficiencia enerxética mediante o proceso de renovación da frota pesqueira. Para que esta renovación sexa posible, a unidade especializada ABANCA Mar volve habilitar aos membros da Federación as hipotecas navais e os préstamos a tipo fixo con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos. Desta forma, poderán realizar unha remodelación ou segunda adquisición de barcos máis eficientes e respetuosos co medio ambiente. Así mesmo, promoveranse tamén outros produtos específicos para realizar inversións sostibles e asi realizar un adecuado desenvolvemento dos negocios.
Produtos e servizos deseñados por ABANCA Mar
Os membros da Federación contarán tamén cun amplo catálogo de produtos e servizos deseñados por ABANCA Mar, como unha póliza de crédito específica con xuros moi competitivos, préstamos persoais sen xuros ou comisións con amplos prazos de amortización para aprazar o pago de impostos, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial.
As confrarías contarán con alternativas de financiamento dos convenios oficiais que o banco mantén co ICO, Igape e as SGR galegas. A ampla oferta contará tamén con seguros creados a medida grazas ao amplo coñecemento no sector que ten ABANCA. Así mesmo, os pescadores poderán aproveitar as vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais grazas á súa vinculación co banco.
Esta firma súmase aos acordos asinados e renovados nos últimos meses con distintas e numerosas confrarías galegas, así como con outras asociacións pesqueiras, marisqueiras e conserveiras. Desta forma, ABANCA demostra unha vez máis o seu compromiso cun sector esencial para a economía produtiva de Galicia e ofrece así o seu apoio a través dunha oferta financeira que da resposta ás súas necesidades.
ABANCA conta desde 2016 con ABANCA Mar, a súa unidade especializada no sector do mar e a pesca que ofrece un amplo catálogo de produtos e servizos creados para dar resposta ás demandas do colectivo ofrecendo solucións personalizadas ás problemáticas puntuais coas que conta o sector.