Mondoñedo, 23 de xullo de 2022. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron a capela da Venerable Orde Terceira do antigo convento de Alcántara, en Mondoñedo, na que a Xunta vai a acometer distintos traballos de restauración.
O titular de Cultura da Xunta anunciou que as obras se atopan en fase de licitación por 213.400 euros coa intención “de recuperar e impulsar a conservación dun ben de especial singularidade histórica e un dos recursos culturais do Camiño do Norte que é preciso poñer en valor”. De feito, como explica, trataranse de recuperar na medida do posible a estancia orixinal dominada polo retablo, así como volver a comunicar a capela coa igrexa de San Pedro para restablecer a circulación inicial. Agora está obstaculizada pola presenza dun moble expositor que se vai desprazar para despexar o paso “e adecuar o conxunto para o uso de culto e para as visitas públicas”, engadiu.
Este proxecto enmárcase, expresou, no compromiso do Goberno autonómico co patrimonio desta vila lucense, onde o seu departamento actúa tamén noutro dos seus bens, a Catedral, cun investimento de 6,5M€ ao abeiro do Plan Catedrais que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios para que afronten a década xacobea nas mellores condicións.
Preservación dos elementos máis valiosos
No caso da capela do antigo convento de Alcántara, as actuacións consistirán en corrixir patoloxías e mellorar o estado de conservación. Corrixiranse non só deficiencias relacionadas con problemas de conservación estrutural, senón tamén estético, e as humidades causadas pola falta de ventilación. Os traballos crearán un ambiente axeitado para a preservación dos elementos máis valiosos da capela, principalmente controlando o grao de humidade e mellorando a ventilación. Tamén se eliminarán os revestimentos de cemento e, en canto ao cumio, substituirase o actual por un de lousa colocado de forma cruzada tradicional.
No interior, destacan a recuperación do presbiterio de pedra primitivo -retirarase a estrutura lixeira provisional existente– e a restauración do friso de pintura policromada orixinal do século XVIII nos muros norte, sur e este. Así mesmo, nas paredes sobre o friso e nas bóvedas eliminarase a pintura de cal branca aplicada recentemente para tratar de recuperar no posible a capa orixinal do século XVIII, de cor branco roto.
Actuacións no coro
En canto ás estruturas de madeira, substituirase a escaleira de caracol que dá acceso ao coro por outra idéntica de castiñeiro. Se resulta viable tecnicamente conservarase a caixa da escaleira de táboa ancha que ten restos de policromía. Comprobarase ademais o estado das vigas do coro para valorar se poden recuperarse e, do contrario, mudaranse por outras de castiñeiro. Tamén se cambiarán os pontóns e entaboado por elementos novos e reforzarase a varanda.
Outras actuacións previstas son a restauración do portalón de entrada e as portas interiores, así como a adaptación das fiestras de madeira para que funcionen como abatibles accionadas por un sistema eléctrico con mando a distancia. Tamén se fará unha nova instalación eléctrica e mellorarase a ventilación.
Do século XVIII
A capela da Venerable Orde Terceira de Mondoñedo forma parte do complexo monumental de Alcántara, antigo convento de San Pedro de Alcántara, do que se conservan a igrexa de San Pedro, a antiga sancristía da capela e restos do claustro. Foi construída no ano 1731, conta cun valioso retablo maior de estilo barroco e conserva elementos do conxunto barroco orixinal, nos que pon o foco o proxecto de restauración.
A igrexa de San Pedro foi rehabilitada e acolle o Centro Cultural de Alcántara sobre escritores e músicos mindonienses e o Centro de Interpretación do Camiño Norte. A vella sancristía foi reformada como albergue público e a capela é o lugar no que se gardan os pasos da Semana Santa e acolle oficios relixiosos ocasionalmente.