O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que se consigna un orzamento de 200.000 euros para a adquisición de edificios no marco da área Rexurbe do municipio
Ribadeo, 8 de xullo de 2022. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantén aberta ata o 15 de xullo a oferta pública de adquisición de inmobles no casco histórico de Ribadeo, co obxectivo de rehabilitalos e destinalos despois a vivendas de promoción pública.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta asignou un orzamento de 200.000 euros para mercar edificios neste municipio no marco da área Rexurbe declarada en decembro do pasado ano.
Arias sinalou que a Consellería está a levar a cabo unha campaña co lema Gañas ti, gaña Ribadeo, para animar aos propietarios a presentar as súas ofertas de venda. Para calquera dúbida que queiran consultar, teñen á súa disposición o número de teléfono 981 957 965.
A finalidade do Programa Rexurbe é adquirir inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, cumpran cos seguintes requisitos: permitan que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados.
Un dos criterios que se ten en conta para a adquisición dos mesmos é o interese da área na que se atopen, dando prioridade aos edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación, aqueles cuxa rehabilitación poida contribuír de xeito especial á rexeneración da zona onde estea emprazado e ás ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.
A convocatoria deste ano prima a aqueles concellos que xa teñen declarada unha área de rexeneración urbana de interese autonómico —área Rexurbe—, onde existe un maior número de edificacións ou solares en estado de abandono ou semiabandono.
Ribadeo foi a quinta área Rexurbe declarada en Galicia e abrangue un ámbito de 407.000 m2, onde se identificaron 1.059 edificios e 1.390 vivendas. O obxectivo é abrir o centro histórico ao porto, mediante a rexeneración dos espazos verdes, e adecualo aos distintos sectores de idade de poboación e sobre todo para conectalo co mercado local e de servizos.
Distribución orzamentaria
As outras áreas Rexurbe de Galicia son as da Coruña, Ribadavia, Tui, Ferrol -a máis recente, de xaneiro de 2022- e Mondoñedo. Esta foi a primeira que se aprobou na comunidade e o proceso está máis avanzado. Recentemente adxudicouse -por un importe de preto de 360.000 euros-, a redacción dos proxectos de rehabilitación e dirección de obra dos 13 edificios que xa son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a raíz da oferta de compra lanzada no ano 2020.
A oferta actual do Programa Rexurbe conta cun orzamento global de 2 millóns de euros para adquirir inmobles en 5 concellos: A Coruña, Ferrol, Ourense, Ribadeo e Tui. No caso de non esgotarse o crédito previsto para un determinado municipio e se, ao mesmo tempo, o orzamento inicial previsto para os demais resultase insuficiente, poderá variarse o importe consignado a cada un.
Daniel Vega, voceiro local do PP e deputado autonómico, acompañou ao delegado territorial da Xunta na súa visita a Ribadeo para lembrar que continúa aberto o prazo, ata o 15 de xullo, para que os propietarios de vivendas en estado de abandono situadas na Área Rexurbe de Ribadeo comuniquen á Xunta a súa proposta para venderlle eses inmobles. Posteriormente, a administración autonómica rehabilitará esas vivendas para dirixilas a alugueiro social.
Vega destaca “a oportunidade” que supón o programa Rexurbe da Xunta tanto para os propietarios coma para o propio casco histórico ribadense: “pasariamos de ter casas en ruinas a poñelas a disposición das persoas que queiran alquilalas e que, polo tanto, lle darán vida ao noso casco histórico”.
“A declaración da Área Rexurbe é o mellor que lle puido pasar ao casco histórico de Ribadeo. Significa máis inversión para o noso pobo e tamén unha gran oportunidade que debemos saber aproveitar. O casco histórico debe e ten moito futuro”, conclúe.