A presidenta de Portos de Galicia e a delegada territorial do Executivo galego en Ferrol visitaron a localidade para comprobar o estado das obras, que inclúen a substitución de pavimentos que melloran o tráfico rodado e a mobilidade peonil así como a renovación de servizos urbanos
As obras dan resposta á necesidade de acondicionar a rede de saneamento e drenaxe do porto, así como a mellora da iluminación e a renovación dos firmes. O maior investimento céntrase na substitución de pavimentos empregando solados de lousas de formigón, formigón desactivado e formigón pulido así como calzadas de formigón bituminoso e zonas axardinadas. Ademais, as actuacións favorecerán a mobilidade peonil entre o parque do Malecón e as beirarrúas existentes na contorna do cemiterio municipal.
Os traballos tamén servirán para renovar os servizos urbanos mediante o desmontado do alumeado público existente e a instalación de cable aéreo así como a execución de novas redes de saneamento, pluviais, baixa tensión e rego automático nos xardíns.
Susana Lenguas tamén explicou durante a visita, na que estiveron distintos representantes municipais, que o ente público segue a realizar os trámites previos necesarios para acometer a dragaxe do porto de Espasante. Esta actuación presenta unha especial complexidade na súa tramitación ambiental dada a protección existente na contorna e as especiais características xeoquímicas que presenta con carácter xeral o sedimento da zona de cabo Ortegal.