Representantes do Goberno galego e dos concellos implicados en cada ruta mantiveron senllas xuntanzas para valorar a constitución dun órgano xestor que traballaría en iniciativas e accións de promoción conxuntas
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo hoxe acolleu dúas xuntanzas, a primeira cos municipios do Camiño Primitivo e a segunda cos do Camiño Norte. Por parte do Goberno galego asistiron o delegado territorial, Javier Arias, e o Director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa. Ambos destacaron que a suma de sinerxías e a creación de órganos xestores para cada ruta facilitaría o labor de promoción, a programación de accións e actividades e o acceso ás subvencións e axudas públicas, entre outras vantaxes.
Os municipios galegos polos que atravesa o Camiño Primitivo son os da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide. No Camiño Norte están Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa e O Pino.
Nesta primeira toma de contacto, os asistentes valoraron a proposta e amosáronse receptivos a estudar o contido e a figura que daría forma a unión dos concellos no obxectivo común de potenciar as rutas. Dado o seu coñecemento sobre organismos similares á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, ambas convocatorias contaron coa asistencia do presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Provincia de Lugo, Ángel Trabada, para aconsellar e expoñer as distintas liñas de actuación que poderían seguir os concellos que integren estas mesas.
Antecedente
Os estatutos da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés aprobáronse no ano 2001, logo dun proceso no que cada un dos concellos participantes aceptou a incorporación ao organismo.
Desde entón, vén sendo un axente dinamizador da ruta e un interlocutor coas administracións no que respecta á súa conservación e promoción. A Xunta mantén unha estreita colaboración coa Mancomunidad. Así, o pasado mes de marzo asinou un protocolo de colaboración coa entidade para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de promoción do Xacobeo neste Camiño.
Este protocolo será o paso previo para executar o convenio bianual 2022-2023, dotado con máis de 1 millón de euros e destinado a medidas tanto para a propia mancomunidade como de forma individual aos 11 concellos que a integran para traballos de mellora paisaxística e embelecemento de recursos do Camiño, así como actividades culturais e turísticas de promoción do Xacobeo 21-22.
Mostras de condolencia
Antes do comezo de cada unha das reunións, os participantes amosaron as súas condolencias polo falecemento de Aída Menéndez, a principal impulsora do Camiño de Inverno.
Arias gabou “o incansable traballo que fixo durante décadas para promover esa ruta e conseguir a súa oficialización”. A Xunta colaborou coa Asociación de Amigos do Camiño a Santiago pola Ribeira Sacra, que ela presidía, e asumiu os estudos e a tramitación que conduciron ao recoñecemento como ruta oficial no ano 2016. “Defendendo ese itinerario, axudou a facer máis grande o Camiño”, afirmou o delegado.