O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, destaca que nesta edición os talleres amplían a súa duración, que pasa de nove meses a un ano
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou da resolución da orde de axudas deste ano – que vén de aprobar o Consello da Xunta – e salientou como unha das principais novidades a ampliación do período de duración, que pasa de nove a doce meses.
Os obradoiros na Mariña serán Serra da Cadeira VII, impulsado por Lourenzá con Barreiros e Trabada; Terras do Sor VI, promovido por Muras con Ourol e O Vicedo; Terras do Ouro 2022, que agrupa a Foz, Alfoz e O Valadouro; Sendas de Burela, Cervo e Xove IX e Vilas Coidadoras, que comparten Ribadeo e Barreiros.
Arias explicou que grazas á posta en marcha destes programas, 100 persoas desempregadas -20 por taller – accederán a un contrato de traballo e recibirán formación teórica e práctica en áreas con boas perspectivas de inserción laboral. A maiores hai que engadir as prazas que se creen para postos de dirección, administración e monitores.
Ademais de formarse e realizar un traballo, os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España. Así mesmo, ao finalizar a experiencia poden empregarse nunha empresa da zona por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para iso, o financiamento da Xunta inclúe incentivos dos que se benefician na Mariña tres entidades promotoras para fomentar 34 contratos.
Os obradoiros duais son desenvolvidos polos concellos e teñen unha tripla dimensión: proporcionar formación de calidade ás persoas participantes para que obteñan un posto de traballo, acometer obras e servizos de interese público e incrementar as taxas de inserción laboral a nivel local. No conxunto da provincia o Goberno galego financiará 16 programas en 46 municipios, con orzamento global de 8,2 millóns de euros.
Selección dos participantes e ampliación de crédito
Na selección de participantes, que se levará a cabo a partir de agora, darase prioridade ás persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.
Como en anteriores edicións, a Xunta priorizou os programas de formación forestal; posta en valor do Camiño de Santiago; actuacións enmarcadas en proxectos de Aldeas Modelo e os programas promovidos por concellos con todo ou parte do seu termo municipal incluído en zonas de Reserva da Biosfera. Tamén proxectos relacionados coas TIC e coas principais actividades económicas de cada contorna, en consonancia coas conclusións da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego e do Estudo de Novas Tecnoloxías Emerxentes en sectores estratéxicos.
Ademais, a Administración autonómica está a tramitar na actualidade unha partida adicional de 10 millóns de euros para que se poidan levar a cabo máis obradoiros en toda Galicia.
Na seguinte táboa figuran os obradoiros aprobados na Mariña: