Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entrega os diplomas aos 20 participantes no obradoiro de emprego compartido por Xove, Burela e Cervo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se investiron 347.000 euros no proxecto, que formou a traballadores desempregados en especialidades de xardinaría e construción

Lugo, 15 de xullo de 2022. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas ás 20 persoas que participaron no obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove VIII, impulsado por estes concellos e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Durante a súa visita a Xove, Arias estivo acompañado polo alcalde do municipio, Demetrio Salgueiro, e os rexedores de Burela, Alfredo Llano, e Cervo, Alfonso Villares. O delegado explicou que o Goberno galego destinou 347.000 euros á iniciativa, que formou a 13 alumnos en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e a outros 7 en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Na comarca da Mariña desenvolvéronse desde o pasado mes de outubro cinco obradoiros duais e un obradoiro de garantía xuvenil -para menores de 30 anos- en 13 municipios, que suman 2 millóns de euros de investimento. A práctica totalidade rematan nestes días.

Arias lembrou que proximamente aprobaranse novos obradoiros para continuar “ofrecendo oportunidades laborais ás persoas desempregadas e mellorando as dotacións e servizos municipais”. Neste sentido, subliñou que os obradoiros permiten aos participantes adquirir formación teórica e práctica profesional ao tempo que “realizan obras e servizos de interese social, axudando no mantemento e conservación do patrimonio natural así como de edificios e outros espazos públicos”.

No marco deste proxecto, no concello de Xove acondicionaron unha área de estacionamento para autocaravanas na praia de Esteiro, a zona exterior do centro sociocultural de San Cristovo (Portocelo), a área etnográfica do Portiño de Morás e varios parques e zonas verdes. Tamén se encargaron da limpeza da senda fluvial da Ruta dos Muíños na parroquia da Rigueira.

O alumnado de Burela traballou no revestimento e impermeabilización das terrazas na Casa da Cultura e no pintado e sinalización doutros elementos, como a antiga biblioteca, o mobiliario urbano, os muros da praza do Concello, o campo de fútbol da Marosa e varios pasos de peóns.

Pola súa banda, o Concello de Cervo mellorou o entorno da antiga fábrica de Sargadelos, acondicionou o parque Reina Sofía en San Ciprián, o parque municipal e o das Lobeiras en Cervo, e actuou sobre varias zonas verdes urbanas, ao tempo que continuou coa limpeza e rexeneración do bosque autóctono da zona forestal do polígono industrial de Cuíña.

Exit mobile version