Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e o Concello de Cervo investirán máis de 536.000 € para acondicionar unha praza no barrio da Atalaia

A actuación enmárcase no plan Hurbe, impulsado hai máis de 10 anos para apoiar ás entidades locais en proxectos que permitan mellorar as condicións e a calidade de vida da veciñanza, e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 M€

Cervo, 16 de xullo de 2022. A Xunta de Galicia e o Concello de Cervo colaborarán no acondicionamento dunha praza no barrio da Atalaia, tal e como establece o acordo subscrito esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Alfonso Villares.

Esta actuación urbanística ten como obxectivo derrubar unha edificación para transformar ese espazo nunha praza coa que se ampliarán os espazos públicos do concello. Ademais, prevese a posible utilización do soto como un futuro aparcamento. As obras disporán dun investimento total de máis de 536.000 euros, do que a Xunta achegará o 70% e o concello, o 30%.

O proxecto pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica. Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.

A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten.

A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.

Cómpre lembrar que este plan reflicte o compromiso da Xunta á hora de ofrecer o seu apoio ás entidades locais e promover actuacións que, na liña do acondicionamento previsto para Cervo, contribúen a dinamizar as vilas galegas por medio da mellora dos seus equipamentos e servizos públicos.

Exit mobile version