Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede case 1,5 M€ en axudas a agrupacións locais e concellos para comprar puntos limpos móbiles

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá Palas de Rei, un dos máis de 60 municipios que resultou beneficiario no marco da actual convocatoria

Palas de Rei, 15 de xullo de 2022. A Xunta de Galicia concederá este ano preto de 1,5 millóns de euros en axudas directas a concellos e agrupacións municipais para implantar un total de 41 puntos limpos móbiles (PLM) e poder ofrecer, deste xeito, un servizo itinerante de recollida de residuos especiais nos seus respectivos territorios.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dunha visita ao concello de Palas de Rei, que foi un dos máis de 60 municipios galegos beneficiarios da última convocatoria destas subvencións, que poden chegar a cubrir ata o 100% do investimento a executar polo municipio.

No caso concreto de Palas, a responsable autonómica indicou que recibirá algo máis de 63.000 euros para adquirir un camión recolector, un remolque con gancho e un módulo de punto limpo móbil, o que lle permitirá ofrecer aos seus 3.000 veciños un servizo de recollida separada e unha axeitada clasificación dos fluxos de residuos especiais.

Tras lembrar que a Consellería leva apostando por este tipo de incentivos desde o ano 2019, recibindo sempre unha “moi boa resposta” por parte do municipalismo galego, Ángeles Vázquez anunciou que convocará proximamente unha nova orde destinada a seguir apoiando aos concellos na compra de camións, remolques e outro tipo de equipamento necesario para poder implantar este servizo municipal.

De feito, nos últimos 4 anos —2019-2022— a Xunta outorgou preto de 5 millóns de euros en subvencións para a adquisición de 107 instalacións itinerantes. Un esforzo que sumado ao investimento dedicado á construción de puntos limpos fixos, como lembrou a conselleira, permitiu que máis do 92% dos cidadáns galegos teñan acceso a este servizo.

Así mesmo, explicou que das cinco ordes de axudas en materia de xestión de residuos convocadas nos últimos meses, o seu departamento xa resolveu tamén outra liña de gran interese para os municipios: as subvencións para a implantación e mellora da recollida separada da fracción orgánica.

Ángeles Vázquez indicou que, en total, se concederon 4,82 millóns de euros en axudas a 123 entidades locais galegas para o impulso de proxectos e actuacións relacionadas coa separación e o tratamento dos chamados biorresiduos domésticos, unha fracción que en virtude da Lei de residuos estatal, lembrou, os concellos de máis de 5.000 habitantes están obrigados a ter implantada no seu sistema de recollida desde o pasado 30 de xuño.

Consulta aberta para enfocar futuras axudas
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a conselleira aproveitou a visita para manter unha reunión cos alcaldes dos municipios asistentes, entre os que estaban, ademais do rexedor de Palas, os de Arzúa, Melide, Antas de Ulla, Santiso e Toques, municipios que tamén se beneficiaron desta subvención.

Neste sentido, Ángeles Vázquez convidounos a participar no procedemento de consulta que abriu esta mesma semana o seu departamento co fin de recadar suxestións e información que contribúa a optimizar as novas ordes de axudas que publicará este ano grazas aos 20 millóns de euros dos que dispón para proxectos de desenvolvemento da normativa de residuos e fomento da economía circular.

Cómpre lembrar que esta manifestación de interese permanecerá aberta ata o vindeiro 12 de agosto e nela están convidados a participar concellos e agrupacións locais, empresas e entidades, tanto públicas como privadas, e xestores de residuos presentes en Galicia.

Exit mobile version