Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 292.000 euros para soster os CIM e impulsar programas de igualdade na Mariña

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informaron das axudas a concellos para fomentar a conciliación e impulsar accións de prevención e tratamento da violencia de xénero

Lugo, 8 de xullo de 2022. A Xunta investirá este ano 292.000 euros nas axudas dirixidas a apoiar os catro Centros de Información á Muller (CIM) da Mariña e os programas municipais da zona destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informaron hoxe da resolución da orde de axudas a entidades locais para fomentar accións neste eido.

A maior contía vai destinada a financiar a actividade dos CIMs mariñáns, que reciben 210.600 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para manter os postos de traballo con funcións de dirección, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Ambos responsables autonómicos explicaron que os catro centros de información á muller da Mariña dan cobertura a 13 concellos e teñen unha cifra estimada de usuarias que ronda as 430. Así, o CIM de Mondoñedo cobre Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto; o de Ribadeo dá servizo a Barreiros, A Pontenova e Trabada; o de Burela a Alfoz e O Valadouro e o de Viveiro funciona de xeito individual.

Outra das liñas destina 81.400 euros a sufragar os programas de fomento da conciliación impulsados por cinco administracións locais da zona: Alfoz, Barreiros, Mondoñedo, O Valadouro e Xove.

Con esta segunda medida, a Administración autonómica axuda aos concellos para que poidan levar a cabo iniciativas de conciliación -como campamentos de verán e de Nadal ou servizos de madrugadores, entre outras-, e que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes. As contías son de ata 18.000 euros para as solicitudes individuais e ata 30.000 para as de xestión compartida. Os importes máximos aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e 2.000€ máis para a compartida.

Exit mobile version