Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria despraza a súa unidade móbil ao consultorio de Cervo o vindeiro martes 12 de xullo

A UMAR redactará reclamacións demandando médic@ de familia todos os días en Cervo e cobertura das vacantes de San Cibrao

A Mariña 9 de xullo de 2022. A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) desprazarase o vindeiro martes 12 de xullo ao consultorio de Cervo no seu horario habitual, de 11 a 13 horas. Nesta ocasión redactaremos reclamacións colectivas para demandar a presencialidade da médica de familia de Cervo todos os días e a cobertura das dúas prazas que quedaron vacantes no centro de saúde de San Cibrao.

A situación sanitaria no Concello de Cervo é alarmante ao ficar desde hai un tempo con dúas facultativas para todo o concello, unha ubicada no centro de saúde de San Cibrao e a outra no consultorio de Cervo. Este déficit de profesionais vense dando dende hai anos pola xubilación dun/ha d@s facultativ@s e agravada por unha segunda xubilación hai uns meses. Estas dúas vacantes sen substituir en san Cibrao repercuten directamente na presencialidade continua no consultorio de Cervo, pola decisión da Xerencia de desplazala a san Cibrao dous días á semana. Así se anunciou cun cartaz no consultorio de Cervo, sen dar máis explicacións que “durante xullo e agosto este centro estará sen médica os martes e venres e que as urxencias cando falte a titular atenderanse no centro de saúde de San Cibrao”.

Desde o colectivo sanitario animamos a veciños e veciñas a que acudan o martes 12 de xullo ao consultorio de Cervo para facer efectiva a súa reclamación,
na que solicitamos presencia da facultativa todos os días en Cervo e substitución das dúas prazas vacantes no centro de Saúde de San Cibrao. Segundo explica a coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro, “non podemos consentir que a Xerencia e o Sergas se burlen deste xeito dun concello que queda con dúas facultativas durante xullo e agosto, nun concello de máis de catro mil habitantes, que duplicará a súa poboación en verán”.

Para máis información chamar a Montse Porteiro 615187637

Exit mobile version