Ribadeo, 19 de xullo, 2022. Este martes tomamos un café con Belén Pérez Teijo, autora e deseñadora da exposición “Ciencia cidadá pola biodiversidade”, organizada pola A.C. Francisco Lanza, e que podemos visitar, na Oficina de Turismo de Ribadeo, en horario de apertura ata o domingo 31 de xullo, para que nos falara un pouco da mesma.
Explícanos un pouco que é Isto da ciencia cidadá
Pois non é máis que a investigación científica que conta coa implicación activa do público non especializado xunto con científicos e profesionais. É a aportación altruísta de datos do entorno por calquera persoa con fins científicos. E importante sinalar que calquera persoa pode aportar o seu grao de arena, simplemente se necesita un móbil ou unha cámara de fotos, e subir os datos a distintas plataformas que hoxe en día existen con tal fin.
Onde radica a importancia da ciencia cidadá?
Hai moitos datos que os científicos necesitan para os seus traballos e que, pola súa diversidade, disparidade xeográfica ou incluso singularidade, serían difíciles de rexistrar de non ser pola axuda da cidadanía.
Ponnos algún exemplo práctico da importancia da ciencia cidadá
A aportación de datos con fotografía permite detectar cambios na biodiversidade como consecuencia do cambio climático ou simplemente como consecuencia da acción do ser humano. Especies que se desprazan, outras que aparecen, especies invasoras que se detectan e que se ve como se van expandindo ó longo dos anos.
Como entraches ti neste mundo?
Foi por pura casualidade. Sempre me encantou ir polos prados de paseo e coa cámara de fotos. Un día saquei unha foto dunha eiruga de avelaíña, preciosa, e publiqueina no Facebook preguntando se alguén sabía de que se trataba. Contestáronme remitíndome a biodiversidadvirtual.org para rexistrala, que alí xa ma identificaban. Ese foi o primeiro contacto e foi así como descubrín a importancia de rexistrar as fotos que sacaba polos prados. Ademais de aprender un montón, estaba a aportar datos importantes sobre distribución de especies, estacionalidade, etc. e empecei a subir á plataforma todas aquelas fotos que tiña no disco do ordenador, e desde aquela seguín.
Xa, pero fará falta dispor de moi bo equipo…
Para nada, precisamente ese foi un dos erros que cometín ó principio; explícome: o realmente importante é o dato, non a calidade técnica da fotografía, dinme conta de que borrara do pc fotos nas que se podían identificar moi ben os meus bichiños, quedándome coas fotos artísticas. O importante é o dato, canto mais identificables sexan mellor, aínda que saian borrosas, etc. A fotografía artística é outro tema, ben bonito, por certo, pero non é o que necesitan os expertos precisamente.
Tamén estás a rexistrar bolboretas …
Si, o seguimento de bolboretas xa é máis específico en canto a traballo de campo, e niso ando dende o 2019, este sería o cuarto ano que rexistro
Cóntanos algo máis
Foi precisamente a Asociación Fotografía e Diversidade (biodiversidadvirtual.org), unha das mais importantes de España, quen me invitou a participar neste proxecto. As bolboretas encántanme, pero para min eran un mundo descoñecido. Coa súa axuda empecei e fun aprendendo un pouco mais cada día, nunca deixas de aprender, e canto mais aprendes mais che gusta.
O meu traballo consiste basicamente en facer un reconto de especies e número de individuos semanalmente dende marzo a setembro, nun percorrido (transecto) fixo (eu fago dous) cubrindo unas follas de rexistro que se mandan ós responsables na plataforma.
As bolboretas son moi sensibles ao cambio climático e reaccionan moi rápido a modificacións no uso dos territorios, tales como a intensificación agrícola ou o abandono, cando a vexetación cambia por causas naturais ou polo impacto humano. Son bioindicadores importantes.
Poderías contarnos algunha anécdota ao respecto?
Siii!!!, unas cantas, jajaja! Cando empezas todo é descoñecido, e acórdome ben cando un dos entomólogos do grupo (Sesma), me dixo que se ía no coche amodo pola noite incluso as podía ver durmidas nas plantas das cunetas da estrada. Non o podía crer, e aos poucos días, baixando de noite da casa de meus pais, probei, e vin un montón delas, foi unha das mellores experiencias.
Outra foi a primeira vez que vin de cerca un Papilio machaon, tiven 15 días para conseguir a primeira foto, e despois de moito e moito observala descubrín onde durmía, así que fun á noitiña buscala para sacarlle fotos; foi impresionante …
E o que presta moitísimo é cando ocasionalmente se che pousan nos brazos, é outra sensación que non se esquece.
Hai moitas especies en Ribadeo?
No que levo de tempo rexistrándoas na zona terei anotado unhas 42 especies diferentes, pero seguro que hai mais, sobre todo porque me quedan por explorar moitas zonas rurais a maior altitude e distintos hábitats.
Para finalizar, que che gustaría engadir?
Gustaríame que se animase a xente a participar, tanto en rexistros como en seguimento de bolboretas, axudaría moitísimo a coñecer a biodiversidade da zona; se che gusta a natureza e a maiores a fotografía, xa é a combinación perfecta.
Calquera se pode poñer en contacto comigo para empezar e obter mais información de como funciona. Estaría encantada.