A Deputada de Turismo destacou o bo funcionamento e o éxito deste programa do que xa gozaron 86 colectivos e asociacións da provincia e que se retomará tras os meses estivais
Así mesmo, destacou que “a xente que participou valorou dun xeito moi positivo a organización, os itinerarios e o desenvolvemento das viaxes, polo que estamos satisfeitos e convencidos dun programa que, xa na súa primeira edición, foi todo un éxito e, este ano, non podía ser menos”.
“Sempre haberá cousas que mellorar, pero creo que este modelo funciona e cumpre cos obxectivos cos que o organizamos: facer comunidade, favorecer que os nosos veciños e veciñas coñezan a súa propia provincia, o seu entorno máis próximo e, con iso, dinamizar a actividade do turismo, da hostalería e do comercio, así como consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”, destacou García Porto.
As viaxes, que arrancaron a finais de marzo e remataron este pasado xoves, levou aos beneficiarios a coñecer o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico da provincia de Lugo a través dos 37 itinerarios deseñados pola institución provincial. Entre as rutas máis reclamadas polas entidades figuran as da Mariña e as da zona da Ribeira Sacra. Ademais, visitaron algunhas das instalacións da institución provincial, como o Pazo de San Marcos, o Mazo de Santa Comba ou a Granxa Gayoso Castro, entre outras.
O programa
Coñece a túa provincia inclúe o transporte de balde para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.
A institución provincial recibiu para a segunda edición 170 solicitudes durante o período de inscrición, das que foron admitidas 135 seguindo a orde de inscrición ata completar as prazas dispoñibles, tal e como sinalan as bases. Ademais, aceptáronse 32 entidades que entraron na listaxe de agarda.