Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achega máis de 100.000€ á Pastoriza para melloras de accesibilidade e instalación de alumeado

O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde, Primitivo Iglesias, un convenio de colaboración para a reparación de accesos e conexións viarias aos núcleos de Bretoña, Fontao, Biduido e Alvite, e a dotación de luminarias na zona do Carrizal, onde conflúen tres vías provinciais que conectan A Pastoriza cos concellos de Abadín e Cospeito

Lugo, 7 de xullo de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, un convenio de colaboración por un importe total de 135.000€ para melloras de accesibilidade e instalación de alumeado en distintos puntos do concello chairego. José Tomé destacou a importancia deste acordo, ao que a institución provincial achega preto de 108.000€, que beneficiará á veciñanza de Bretoña, Fontao, Biduido e Alvite, e aos usuarios da zona do Carrizal, onde conflúen tres vías provinciais que conectan A Pastoriza cos concellos de Abadín e Cospeito.

Entre as melloras que o Concello poderá realizar grazas á aportación da Deputación está a pavimentación da conexión de Bretoña coa estrada LU-125 con aglomerado en quente. Os traballos, cun orzamento total de 43.200€, levaranse a cabo nuns 700 metros da vía na contorna do núcleo de Fontao. Tamén se actuará en 300 metros do firme do acceso a este núcleo, cun investimento de 12.500€, dos que a institución provincial achega máis de 10.000€.

Neste convenio inclúense unha actuación que beneficiará aos veciños e veciñas do núcleo de Alvite, mellorando o acceso coa dotación dun novo firme cun orzamento de 22.000€. Por outro lado, levarase a cabo a rehabilitación de 300 metros da conexión do Biduido coa estrada LU-122, cunha achega provincial de 10.300€ e un investimento total de preto de 13.000€.

Por último, levarase a cabo tamén a instalación dunha rede de alumeado público na zona do Carrizal, cun investimento de 38.600€, dos que a Deputación achega 30.900€ para a súa execución. Estes traballos levaranse a cabo nun punto no que se encontran tres vías provinciais que conectan A Pastoriza cos concellos de Abadín e Cospeito. Instalaranse 20 luminarias, 16 delas colocadas nos accesos á rotonda repartidas en catro grupos e, outras catro, no centro da rotonda orientadas a cada un dos accesos da mesma.

Tomé Roca destacou que “este acordo demostra que a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno. Estas actuacións suporán unha mellora na mobilidade deste concello que aumentará a calidade dos veciños e veciñas e beneficiará á actividade das empresas e do sector gandeiro”.

A Deputación coa Pastoriza
O Presidente visitou recentemente o concello da Pastoriza onde anunciou novas actuacións na estrada provincial LU-P-4401, á altura da Avenida Principal, onde a Deputación acometerá un proxecto que inclúe a dotación de novas beirarrúas, rehabilitación do firme, nova sinalización e melloras no alumeado entre os quilómetros 0 e 1,550 cun orzamento de 360.000€. Tamén se está acometendo outro proxecto nesta vía que ascende a máis de 300.000€ para renovar o pavimento, por tramos, en preto de 11 quilómetros para mellorar a comodidade e a seguridade na estrada.

José Tomé enmarcou estas actuacións na “cooperación continua que mantemos co Concello da Pastoriza e con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de máis de 3M€ só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.

Ademais do Plan Único de Cooperación cos Concellos, que este ano 2022 ascende a preto de 345.000€, e dos diferentes proxectos destinados a mellorar a mobilidade no municipio, a Deputación de Lugo asinou nos últimos meses tres convenios de colaboración con este municipio chairego. Un para a celebración da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña dotado con 3.000€, outro por importe de 2.600€ para a celebración dunha proba do Campionato Galego de Andadura, e un terceiro para a creación dun parque infantil e a realización dun estudo sociolóxico, un poemario e un libro sobre o municipio que ascendeu a preto de 50.000€.

Exit mobile version