Ribadeo, 22 de xullo de 2022. A Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto do Día da Patria Galega este vindeiro luns, día 25, ás 20:30 horas no Campo de San Francisco.
O director da formación, David Ballester, anuncia que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo, intentando seguir coa súa programación habitual, este vindeiro luns, 25 de xullo, ofrecerá o concerto do Día da Patria. Farémolo, se o tempo o permite, que esperemos que si, no Campo de San Francisco. En caso de mal tempo trasladarémonos ao auditorio. Será ás oito e media da tarde e tocaremos pezas que xa interpretamos noutras ocasións, pero será un repertorio moi variado, no que incluiremos, obviamente, música galega, xa que é o Día da Patria, e tamén obras de compositores clásicos e de bandas sonoras”.
Ademais David Ballester adianta que “despois deste concerto do Día da Patria teremos a actuación do 16 de agosto en San Roque, o día 20 será o Festival de Bandas e o 28 de agosto teremos o concerto de bandas sonoras. É un pequeno adianto para que vaian anotando nas axendas estes concertos, que iremos recordando, pero o máis próximo é o concerto do Día da Patria, ao cal convidamos a toda a xente a achegarse o día 25 de xullo ás oito e media da tarde ao Campo de San Francisco, e en caso de mal tempo no auditorio Hernán Naval á mesma hora”.