“Ao pobo de Lourenzá na festa do Día de Galicia Saúde, habitadores desta rinte e fermosa vila!”
Hoxe é do día máis grato para todos os galegos, hoxe é o día da evocación de lembranzas e de grandezas, hoxe é o día no que as nosas almas dende as alturas do ideal aprecian a resurrección das nosas pasadas glorias; porque a Galicia tan esquecida e descoñecida, a que vén loitando no transcurso dos séculos para a reivindicación do seu nome venerando e para resucitar as súas grandezas pretéritas , a que vén sufrindo o xugo denigrante e oprobioso do caciquismo desde que aquel rei bondadoso que se apelidou “O Sabio” xace confundido no po da morte, vai romper as cadeas que a teñen suxeita, vai pronunciar o seu canto de redención basto e rudo como un alarido celta que estremecerá a terra e sacudirá as almas de todos nós fundidas nunha soa e tremenda aspiración: “Libertémonos!
E romperán entón as lousas dos seus sepulcros e aparecerán aureolados de gloria os nosos heroes e os nosos bardos para contemplar a magna obra de redención que Pardo de Cela e Pedro Padrón, Rosalía e Concepción Arenal, Curros e Lamas Carvajal pregoaron coa espada e coa pluma, e a de estro soberano de Pondal que trazou con sen igual galanura o noso himno rexional que é hoxe o himno das nosas liberdades e dos nosos dereitos, o himno brioso, magnífico e rebelde, a arenga de combate e o grito de guerra que sae dos nosos peitos como miliario da nosa resurrección.
Pobo de Lourenzá! hoxe é o día máis grande dos nosos fastos, é o día que debe gravarse en letras de ouro nos anais da nosa historia rexional e este ano é máis grande aínda porque coincide co rexurdir da nosa terra que nos estertores da agonía se axitou en convulsión aterradora ata romper as súas ligaduras; coincide coa proclamación da segunda república española de sentido altamente democrático, dignificador do noso prestixio e enaltecedor da nosa patria; coincide, en fin, coa apertura do Parlamento, onde están os nosos deputados portadores do proxecto de autonomía, desa autonomía que todos sentimos nos nosos corazóns como final dunha odisea que tivo como principio o bronco son dunhas cadeas pesadas e que rematará coa reconstrución do noso vello solar que hai catro séculos está soterrado. Vaise esixir agora no Congreso o que tantas veces se lle negou a Galicia: o seu pasado histórico e a súa personalidade rexional, porque á nosa cincenta rexión arrebatáronlle a súa linguaxe doce e mimosa, as súa tradicións gloriosas, os seus costumes poeticamente patriarcais, as súas crenzas cristiás e ata a súa independencia brava e adusta; por iso queremos que se nos devolva e esixímolo e terémolo coa autonomía, todo o que se lle arrebatou. Así que o día de hoxe dúas veces santo, debe ser a alegría sen límites de todo o que saiba sentir á
amada terra, á terra que cantou así Rosalía:
¡ Que hemosa te deu Dios, terra querida, desdichada beldá.
¡ Que brando e melancólico sosego sinto ó te contemprar!
Por que, por que antr´as froles as espiñas entretexidas van,
n- esa croa que a tua testa ciñe de verdor eternal?
Fillos deste val verdegante e belo, cando neste solemne día do 25 de xullo vexades izar a bandeira branquiazul, símbolo da pureza e honradez da terra que representa, pronunciade con toda a valentía das vosas conviccións, con toda a efusión da vosa alma, o vibrante, atronador, entusiasta e solemne grito da nosa redención.
¡¡¡ VIVA GALICIA CEIBE!!! ”
A Asociación Patrimonio Laurentino aproveita ademais para sumarse ao desexo de alegría sen límites de don Paco Del Riego neste Día de Galicia para todas e todos.