A iniciativa promovida por Ecoembes e a consellería de Medio Ambiente permitiu ao Concello de Burela entregar o premio do reto a esta causa social
A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, recibiron no salón de plenos do consistorio á presidenta da entidade local contra o cancro, Nuria González, para conceder esta contía económica que veñen de conseguir pola participación na iniciativa promovida por Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, entidades que tamén participaron do acto coa presenza de Manuel Vidal.
O gran contedor de “Recicla e Únete ao Reto” instalado na praza do Concello durante os meses de abril e maio permitiu á veciñanza sumarse á campaña de xeito que se alcanzaron dous obxectivos fundamentais. O primeiro deles foi concienciar á poboación da importancia de incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros e incorporar rutinas e prácticas responsables co medio. O segundo, que se materializou hoxe coa entrega do cheque, brindou a oportunidade de doar 1.000 euros a unha entidade social do municipio.
En palabras da concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo “eleximos á Asociación Esperanza Contra o Cancro de Burela porque somos coñecedores do gran labor que fan contra esta enfermidade, aportando o noso gran de area para que podan destinar estes recursos á investigación”, tal e como subscribiu a presidenta desta asociación que conta xa con preto de 400 socios.
Pola súa banda, o alcalde Alfredo Llano remarcou o apoio do concello “a este tipo de iniciativas que buscan sensibilizar á xente de que tamén as condutas individuais son importantes para poñer freo ao cambio climático, que xa se está manifestando de forma durísima e no que as institucións temos que poñer todo o noso empeño para tratar de paliar”.